A carreira celebrarase nun percorrido mixto de terra e asfalto á beira do Miño e chega cun récord de participación: máis de 2.270 persoas inscritas no circuíto, fronte ás 1.700 do pasado ano.
Unha exhibición pioneira permitirá a varios corredores e corredoras participar xunto aos seus cans nun circuíto previo á carreira MINI.
“Queremos seguir facendo do Corre con Nós unha experiencia aberta, participativa e en contacto coa natureza”, sinalou o edil Jorge Bustos.

O Parque do Pazo de Feiras e Congresos será este sábado, 10 de maio, o escenario dunha nova xornada do Circuíto Larsa Corre con Nós, coa celebración da súa quinta proba. A cita, que combina natureza e deporte no corazón da contorna do Miño, incorpora este ano unha novidade destacada: unha pequena exhibición na que un grupo de corredores participará acompañado dos seus cans, abrindo a porta a futuras iniciativas que integren tamén ás mascotas nesta proposta deportiva e familiar.
O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destacou que “seguimos apostando por un modelo de circuíto que mestura deporte, natureza e convivencia. Queremos facer do Corre con Nós algo máis ca unha carreira: unha experiencia para compartir, aberta a toda a cidadanía”.
A proba chega cun balance moi positivo nesta edición, superando xa as 2.271 persoas inscritas no circuíto, fronte ás 1.700 rexistradas a estas alturas na tempada pasada. “Estes datos falan por si sós”, sinalou o edil, quen valorou “a consolidación do Corre con Nós como unha referencia do atletismo popular galego e como un espazo onde a veciñanza se implica activamente, ano tras ano”.
A exhibición canina celebrarase antes da proba MINI, prevista para as 17:00 horas, e consistirá nunha volta duns 800 metros arredor da zona de saída e chegada, situada baixo a pasarela fluvial xunto á Fábrica da Luz. Os participantes, xa afeitos a correr cos seus cans, protagonizarán esta proposta piloto coa que se pretende achegar esta modalidade ao formato do circuíto. “Queremos seguir innovando, buscando fórmulas que fagan aínda máis atractiva cada cita”, explicou Bustos.
As probas oficiais desenvolveranse sobre percorridos de terra e asfalto, combinando tramos interiores no recinto do parque co paseo fluvial do Miño. No caso da carreira de adultos, o trazado esténdese ata a ponte sobre o río Mera, cunha distancia total de 5.850 metros. As carreiras de menores manteranse dentro do recinto, adaptadas a cada categoría:
- 17:00 h: MINI (350 m)
Percorrido → Racemapp - 17:05 h: SUB10 e SUB12 (800 m)
Percorrido → Racemapp - 17:15 h: SUB14 e SUB16 (1.850 m)
Percorrido → Racemapp - 17:30 h: Adultos (5.850 m)
Percorrido → Racemapp
O edil tamén puxo en valor “o compromiso da veciñanza coa práctica deportiva e coa vida activa” e agradeceu o traballo da organización, que conta co apoio de voluntariado e das entidades colaboradoras para garantir o bo desenvolvemento da proba.
Toda a información da carreira, así como as clasificacións por categorías, poden consultarse en www.correconnos.com.
Audio
- O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, sobre o Corre con Nós | Descargar mp3


