O Goberno remite ao IGVS a solicitude de aluguer dos locais da Tinería por 5 anos co fin de crear un viveiro de empresas

O CEI Nodus xestionará a iniciativa, froito do compromiso firme do Executivo de Lara Méndez pola revitalización social e económica do barrio

O proxecto de Orzamentos do 2018, que se somete mañá a debate plenario, inclúe a provisión económica necesaria para o arrendamento, por importe de 22.000€ ao ano, segundo marca o Instituto Galego de Vivenda e Solo

Coa xestión municipal, o Concello consegue que estes bens públicos se manteñan en mans públicas, e non se privaticen como pretendía a Xunta coa poxa, ademais de garantir unha dinamización eficaz da Tinería

Mércores, 20 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores remitir ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a solicitude de adxudicación directa dos 9 locais comerciais libres da Tinería para o seu alugamento por un período de 5 anos, prorrogable por outros 5, co fin de crear un viveiro de empresas a pé de rúa, xestionado polo CEI Nodus do Concello, cunha ampla e recoñecida traxectoria neste eido, que contribúa á revitalización social e económica do barrio.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a petición ao IGVS será remitida hoxe mesmo, cumprindo así cos prazos marcados polo organismo autonómico, que pediu unha resposta municipal en 15 días hábiles contados dende o 29 de novembro.

O proxecto de Orzamentos do 2018, que o Goberno somete mañá a debate do Pleno, inclúe a provisión económica necesaria para o arrendamento dos locais da Tinería, no apartado de Promoción do Emprego, polo importe marcado tamén polo IGVS, que vai dende os 2.115€ aos 585€ ao ano por local, e que suman en total 21.986,11€ (IVE incluído).

Fernández lembrou que, ante falta de vontade política da Xunta de ceder gratuitamente os locais -a primeira opción do Goberno de Lara Méndez, e tal e como permite a lexislación vixente, segundo constatan nun informe o Secretario e a Vicesecretaria do Concello-, o Executivo optou polo aluguer. Desbotada pola Administración autonómica a cesión gratuíta, “o arrendamento é a mellor opción, segundo constata nun informe a técnico municipal de Desenvolvemento Local”, explicou o voceiro.

Deste xeito, “queda claro que, ante os problemas da cidade, o Concello sempre está na busca de solucións, que plasma en feitos”, asegurou o Concelleiro. Queda así mesmo claro o compromiso firme do Goberno co barrio, pois coa xestión municipal dos locais comerciais como viveiro de empresas, o Concello consegue que estes bens públicos se manteñan en mans públicas, e non se privaticen como pretendía a Xunta coa poxa,  garantindo ao mesmo tempo a dinamización social e económica da Tinería de maneira eficaz a través dunha economía sostible e de valor engadido, ademais de seguir fomentando a diversificación e innovación do tecido empresarial lucense.

Centro de día

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a prórroga por un ano do contrato coa mercantil Innovación y Desarrollo Asistencial para a prestación do servizo de centro de día Antonio Gandoi. O importe é de 91.000€. 

Audio

Noticias relacionadas