O Goberno de Lugo aproba a renovación da rúa Lamas de Prado

O Tenente Alcalde anunciou que a actuación terá un orzamento de 599.933€ e un prazo de execución de 4 meses

Rubén Arroxo: “Lamas de Prado é a conexión central dun dos barrios máis importantes da cidade, que conta con máis de 15.000 habitantes”

Mércores, 03 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo aproba a renovación da rúa Lamas de Prado

O Tenente Alcalde e concelleiro responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou a aprobación hoxe da contratación dos traballos de renovación da rúa Lamas de Prado, no Barrio da Milagrosa. “Realizaremos unha renovación integral que aumente a accesibilidade e que mellore a súa estética, mellorando a imaxe da cidade e do barrio”, explicou Rubén Arroxo

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a realización das obras cun orzamento de 533.933€, e un prazo de execución de 4 meses a Construccións RAFER S.L.. Rubén Arroxo explicou que “Lamas de Prado é a conexión central de todo un barrio que conta con máis de 15.000 habitantes", e engadiu “actuarase tanto na renovación da parte visible da rúa, como a estrada e as beirarrúas, e nos servizos que están soterrados”.

“Nesta renovación seguiremos avanzando na implantación de alumeado público de baixo consumo”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “a rúa pasará a ter luminarias LED que permitirán mellorar a calidade do alumeado público ao mesmo tempo que se reduce a factura de electricidade que paga o concello, ademais de reducirse as emisións contaminantes”. Ademais, a área de Mobilidade e Infraestruturas continuará a avanzar na retirada do cableado das fachadas dos edificios nesta zona.

A seguridade vial da zona mellorará con esta renovación. A renovación das beirarrúas permitirá aumentar a accesibilidade ao eliminarse as barreiras arquitectónicas da rúa. “Ao mesmo tempo, continuarase avanzando no calmado do tráfico, ao instalarse na zona novos pasos de peóns elevados, ademais de mellorarse a disposición da sinalización vial”, explicou o Tenente Alcalde. O treito fronte á praza do Castiñeiro converterase nunha plataforma única, gañando espazo peonil sen afectar á mobilidade dos vehícuños.

Renovarase, ademais, o mobiliario urbano e as zonas verdes da zona e instalarase unha nova marquesiña para a parada do bus urbano, e habilitaranse novos aparcabicis “para continuar a fomentar o uso da bicicleta e do transporte público como medio de transporte alternativo ao vehículo privado”, afirmou Rubén Arroxo.

Audio

  • O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, sobre a rúa Lamas de Prado | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno de Lugo aproba a renovación da rúa Lamas de Prado

Noticias relacionadas