O Goberno de Lara Méndez lanza unha asesoría en liña dentro do programa de prevención da violencia de xénero nos centros escolares

O obxectivo da medida é detectar entre a mocidade diferentes manifestacións da violencia ofrecendo un punto de asesoramento inmediato a través da aplicación WhatsAap.

A liña de actuación dirixida á comunidade educativa incluirá este curso outras novidades como xornadas de sensibilización para familias ou a instalación de puntos violetas itinerantes durante os recreos.

Luns, 14 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez lanza unha asesoría en liña dentro do programa de prevención da violencia de xénero nos centros escolares

O Executivo de Lara Méndez porá en marcha este próximo curso escolar un servizo de asesoría en liña a través do que se prestará asistencia e apoio en materia de igualdade e violencia de xénero ao alumnado dos catro cursos de ESO e FP, así como á comunidade estudantil de 5º e 6º de Educación Primaria. A iniciativa enmarcase dentro do Programa socioeducativo de prevención das violencias machistas ao que poden adscribirse todos os centros escolares do municipio.

“O obxectivo desta innovadora medida é detectar diferentes manifestacións da violencia de xénero, especialmente as máis invisibles e sutís, ofrecendo un punto de asesoramento inmediato e información en liña a través da aplicación WhatsAap, aproveitando así a enorme instauración desta canle entre a mocidade”, sinalou Ana González Abelleira, responsable da área de Cohesión Social.

O Programa de prevención de violencia de xénero nos centros educativos vense realizando, co actual formato, dende 2016. No pasado curso participaron 6 dos 9 institutos da cidade e 11 colexios dun total de 14. “Cremos firmemente que a coeducación é o mellor instrumento para a promoción dun proceso de transformación social que cemente as bases dunha sociedade onde a igualdade sexa real e efectiva. Dende esta base, o programa está deseñado cunha tripla perspectiva: transversal, multidisciplinar e integradora”, explicou González Abelleira, que destacou que o contido educativo adáptanse a cada nivel de idade.

“No desenvolvemento das actividades nas aulas trasladamos aspectos relevantes sobre os valores relacionados coa igualdade de xénero, de utilidade para a vida cotiá e as relacións interpersoais, introducindo no proxecto educativo a socialización nos afectos e na convivencia. Deste xeito queremos favorecer as relacións baseadas na igualdade, posibilitar unha boa autoestima e promover a adquisición de capacidades para analizar as súas propias emocións e os diferentes conflitos aos que se enfrontarán ao longo da vida”, informou a responsable de Cohesión Social.

A asesoría en liña non é a única novidade introducida polo Goberno de Lara Méndez para este curso. A comunidade escolar contará tamén cunha asesoría presencial que cumpre os mesmos obxectivos e que diversifica as opcións que a mocidade ten para acceder á información ou solicitar axuda.

De forma complementaria, se organizarán xornadas de sensibilización dirixidas ao profesorado e ás familias do alumnado daqueles centros que así o soliciten. Ademais, durante os recreos ou titorías, dependendo das necesidades de cada centro, o Concello instalará Puntos Violetas Itinerantes para detectar manifestacións sexistas.

“Consideramos imporante para avanzar nesta materia, no contexto dos centros educativos da cidade, facilitar ao alumnado as ferramentas precisas para converterse en protagonistas do seu aprendizaxe. Aspiramos a favorecer a construción, dende as súas propias experiencias, dunha identidade igualitaria”, concluíu González Abelleira.

Audio

  • A edil de Cohesión Social, Ana González Abelleira, sobre o Programa Socieducativo e de Igualdade | Descargar mp3

Noticias relacionadas