A alcaldesa e a edil de Muller convocan á cidadanía para o luns á lectura do manifesto, a cargo da profesora de ensino secundario do IES Ánxel Fole, Felisa Redondo.
Paula Alvarellos pide ás e aos lucenses “unha resposta unánime nos actos programados por distintos colectivos en protesta ante calquera tipo de maltrato e a prol dunha sociedade igualitaria e libre”.
A convocatoria comezará ás 19.00 horas, diante da casa consistorial, e rematará coa actuación musical das Cantareiras da Asociación Cultural Cántigas e Frores.

O Executivo de Paula Alvarellos centrará na divulgación e na prevención da violencia machista os eixes da súa programación polo 25N, para o que colaborou con distintas asociacións, entidades e centros educativos no desenvolvemento de diferentes actividades e actos reivindicativos cos que conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un dos principais será a lectura do manifesto, un acto para o que tanto a alcaldesa como a edil de Muller, Igualdade e Inclusión, convocan á cidadanía ante a casa consistorial, a partir das 19.00 horas do mesmo día 25. Xunto a Paula Alvarellos e a edil Ángeles Novo estará a profesora de ensino secundario do IES Ánxel Fole, Felisa Redondo Valín, quen será a encargada de facer a lectura do manifesto. Tamén participarán no acto as Cantareiras da Asociación Cultural Cántigas e Frores, cuxa actuación musical pechará a concentración fronte ao Concello.
A alcaldesa de Lugo pediu ás e aos lucenses “unha resposta unánime nos actos convocados por distintos colectivos lucenses en protesta ante calquera tipo de maltrato e a prol dunha sociedade igualitaria e libre”. Pola súa banda, a concelleira de Muller tamén pediu “o respaldo das e dos lucenses noutra serie de actividades coas que colaboramos desde o Concello de Lugo para condenar a violencia machista, xa sexa física, sexual, psicoemocional ou verbal, como para contribuír ás campañas que se levarán a cabo en centros educativos, nos que é crucial seguir traballando na sensibilización e na prevención como vías para erradicar a violencia sobre as mulleres”.
Co respecto ás outras convocatorias nas que colabora o Concello de Lugo, Ángeles Novo lembrou “a celebración de varias campañas de sensibilización en colaboración con diversas asociacións”, entre as que figura a iniciativa denominada Arrow-Par, da Asociación de Mulleres Empresarias, para contribuír á visibilización desta lacra, cubrindo cun chal violeta as estatuas de mulleres da cidade, como a Polbeira na Praza da Mosqueira; a enfermeira na Praza do Ferrol; Rosalía de Castro, no Parque de Rosalía e a de Concepción Arenal, nos xardíns da Praza da Constitución.
Co obxectivo de afondar na sensibilización da sociedade e en especial da xente máis nova, o Concello tamén colaborará con ADC Lucus na concentración deportiva de 3x3 contra a violencia de xénero, nas pistas anexas ao Pazo dos Deportes, coa colaboración de varios centros educativos da cidade. Tamén, préstase apoio á Asociación Aliad Ultreia, para a proxección dunha curta documental relacionada coa explotación sexual, dirixida ao alumnado dos institutos de educación secundaria que se proxectará no Museo Interactivo da Historia de Lugo o propio día 25 en horario de mañá, unha xornada na que tamén se presentará o mural do artista plástico Diego As, na casa das asociacións María Mariño.
Ademais, a concellería de Muller, Igualdade e Inclusión colaborará coa Asociación Corazóns Artesáns, colectivo que o día 28 celebrará no salón de actos da Deputación, a partir das 20.00 horas, a actividade “A arte. Testemuña intemporal do maltrato”, cunha conferencia de Marcos Calles, que pechará coa actuación de Branca Villares Naveira co seu traballo “O pouso da violencia nas cantigas populares”.
Audio
- A edil de Muller, Ángeles Novo, sobre a nova programación do 25N | Descargar mp3

