O executivo de Lara Méndez avanza na dotación de persoal municipal coa convocatoria de 9 prazas de acceso libre

A Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe as bases específicas para catro procesos nas categorías de ordenanzas, celador/a de colexio público, técnico/a da administración xeral e enxeñeiro/a industrial

A medida, enmarcada no Plan de Acción da Alcaldía, busca incrementar a capacidade da institución para ofrecer, con axilidade, á veciñanza máis prestacións e de maior calidade

Mércores, 03 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez avanza na dotación de persoal municipal coa convocatoria de 9 prazas de acceso libre

O executivo de Lara Méndez continúa a dar pasos para incrementar a dotación de persoal municipal. O Concello abordará de forma inmediata a convocatoria de nove prazas de acceso libre para as categorías de ordenanza (2 prazas, unha delas reservada a persoas con discapacidade), celador/a de colexio público (4 prazas, 2 reservadas a persoas con discapacidade), técnico/a da administración xeral (2 prazas) e enxeñeiro/a industrial (1 praza).

A Xunta de Goberno Local aprobaba esta mañá as bases específicas para os catro procesos selectivos que se desenvolverán nos vindeiros meses co fin de fornecer estes departamentos cun maior número de efectivos.

A medida, segundo sinalou a edil de Gobernanza, “enmárcase dentro do Plan de Acción deseñado pola Alcaldía, co que se pretende non só modernizar a institución senón poñer a súa eficiencia ao servizo da cidadanía, sendo máis áxiles, máis accesibles e aumentando tamén a calidade e o número de prestacións dispoñibles”.

Paula Alvarellos lembrou que para a consecución dese obxectivo neste último ano se foron construíndo as bases que permitirán levalo a cabo, entre os que destacou a “imprescindible entrada en vigor da Relación de Postos de Traballo, marco de regulamentación indispensable para estruturar axeitadamente os recursos humanos do Concello”.

“Un fito ao que cómpre engadir a posta en marcha do sistema de fichaxe, que posibilitou o control presencial dos mesmos e unha maior fiscalización sobre a conveniencia da realización de horas extraordinarias que, neste 2021 queremos reducir ao mínimo”, salientou a responsable da área económica e persoal.

Alvarellos Fondo, engadiu que a existencia da RPT permitiu igualmente prover as xefaturas de área e materializar a convocatoria das distintas Ofertas Públicas de Emprego, “coa finalidade de ir dimensionando adecuadamente diferentes departamentos ou Corpos tan importantes como a Policía Local ou os Bombeiros, hoxe cun número de efectivos moito máis acorde á carga de traballo que asumen e aos cocientes de poboación do municipio”, concluíu.

Audio

  • Paula Alvarellos, sobre a convocatoria de 9 prazas de acceso libre | Descargar mp3

Noticias relacionadas