O executivo de Lara Méndez adía ata xullo o pagamento do IBI para salvagardar a liquidez das familias e empresas

Posporá un mes o cobro de máis de 22 millóns de euros, correspondentes ao pago do imposto para non asfixiar ás economías domésticas e empresariais

A medida, na que o equipo económico da alcaldesa leva días traballando, coincidirá no tempo co desenvolvemento da liña de axudas municipais á que destinarán 5 millóns de euros

Martes, 24 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez adía ata xullo o pagamento do IBI para salvagardar a liquidez das familias e empresas

A área de Gobernanza adiará até xullo o pagamento do IBI que tiña previsto xirarse este próximo mes abril.

A medida, que suporá o aprazamento duns ingresos estimados en torno aos 22 millóns de euros, obedece á vontade do goberno de Lara Méndez de protexer a liquidez das familias, emprendedores e  empresas “nun momento complexo onde case todas as economías domésticas e os sectores produtivos se poden resentir polas consecuencias derivadas do confinamento para frear a propagación do coronavirus”.

Paula Alvarellos indicou que, a pesar de que se trata dun dos tributos máis cuantioso dos que percibe o Concello, o seu cobro se posporá un mes para permitir a recuperación financeira da veciñanza e tamén do empresariado local.

“Neste momento a cidadanía precisa dispoñer deses cartos máis que as arcas municipais que, afortunadamente, se atopan totalmente saneadas. É, precisamente, debido á solvencia coa que contamos o que nos permitirá non só postergar a recadación do IBI senón desenvolver, de xeito simultáneo, a liña de axudas municipais xa anunciada que se fornecerá con cinco millóns de euros”, explicou a edil.

O equipo económico de Lara Méndez leva xa varios días traballando na modificación do calendario tributario que, neste 2020, permitirá abonar o Imposto de Bens Inmobles até o 5 de xullo se o recibo está domiciliado (actualmente o prazo remataba o 5 de xuño), e até o día 20 do mesmo mes para aquelas persoas que realicen o pago de forma presencial. Naqueles casos nos que se fraccione o pagamento, o segundo semestre poderá abonarse até o 15 de setembro.

A iniciativa comunicada hoxe súmase ás xa adoptadas polo executivo de Lara Méndez, entre as que se atopa o aprazamento doutros gravames, a cancelación das taxas de servizos que estas semanas non se están a prestar e mesmo a exoneración dos alugueres nos viveiros municipais (Tinería e CEI – Nodus) así como os dos postos comerciais da Praza de Abastos e o Mercado.

Audio

  • A edil Paula Alvarellos, sobre o aprazamento do cobro do IBI | Descargar mp3

Noticias relacionadas