O edil de Medio Ambiente lembra que o botellón está prohibido e fai un chamamento ao civismo para coidar o patrimonio lucense

A zona do Carme amenceu este sábado con restos dun botellón, que obrigou a pór en marcha un dispositivo especial de limpeza para acondicionar o lugar

Sábado, 12 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O edil de Medio Ambiente lembra que o botellón está prohibido e fai un chamamento ao civismo para coidar o patrimonio lucense

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, fixo esta mañá un chamamento ao civismo, logo de que na zona do Carme tivera lugar a pasada madrugada un botellón, provocando danos de diversa consideración no lugar. O concelleiro lembrou que “esta práctica está totalmente prohibida, especialmente, no contexto de crise sanitaria no que nos atopamos, podendo carrexar importantes multas por parte das autoridades”.

“A gravidade dos feitos vai máis aló, pois estase a causar un importante dano físico a unha zona protexida da cidade, como é o barrio do Carme, moi próximo ao Casco Antigo e polo que pasa a Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo. Por iso, instamos á cidadanía e, especialmente, á mocidade, a coidar o patrimonio lucense e respectar os espazos públicos, pois con estas prácticas están a prexudicar ao conxunto da cidadanía e, de forma máis directa, aos veciños e veciñas que residen na zona”.

Santos Ramos explicou que “para eliminar os danos ocasionados, dende a área de Medio Ambiente puxemos en marcha un dispositivo especial de limpeza, para poder acondicionar o lugar o máis axiña posible e evitar a mala imaxe que ocasiona para a contorna”. O edil pediu “educación e respecto” para evitar novas situacións de botellón tanto na zona do Carme como no parque de Rosalía, outra das zonas habituais de concentración, e incidiu en que “os insolidarios que non respecten as normas básicas de convivencia estanse a expoñer a importantes sancións económicas por parte da Policía”.

Noticias relacionadas