O Concello a través de diferentes actividades aposta polo apoio ás asociacións de discapacidade e a súa integración laboral e social

Martes, 29 de novembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O mercadiño solidario, Diversiarte, terá lugar os días 14, 15 e 16 de decembro no fondo da Praza Maior

A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz e a Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, presentaron as actividades que se van levar a cabo no mes de decembro en materia de discapacidade.

Desta maneira o xoves día 1 de decembro ás 19:00 horas vaise celebrar no Espazo>Lab unha xornada-debate baixo o título de Emprega con dis-Capacidade. Esta actividade está dirixida a empresas e público en xeral e, o Concello de Lugo, con ela quere contribuír a que exista un verdadeiro encontro e coñecemento entre as empresas e as organizacións que traballan pola intermediación laboral das persoas con discapacidade no noso territorio.

Esther Muñoz explicou que “agardamos que sirva para fortalecer a relación entre as empresas de Lugo e as entidades sociais de xeito que poida ser efectiva a integración de todas as persoas na vida social, económica e cultural.”

Neste acto, participan Beatriz Méndez, como portavoz das asociacións que presenta a conferencia sobre Servizos de intermediación laboral das entidades de discapacidade e membros das empresas Gadis S.A., Arenal, VRIO-PAC e Sanyres que manterán un debate sobre a inserción laboral do colectivo.

Diversiarte 2012
Por outra parte, a Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, anunciou que o próximo venres, día 2 de decembro, ás 12:00 horas lerase un manifesto diante da Concello con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que se celebra o sábado 3. O lema do manifesto deste ano é Non aos recortes. Polos dereitos sociais e a continuidade do sector da discapacidade.

Ana G. Abelleira, explicou que dende “o Concello o que queremos é darlle normalidade á discapacidade para poder poñer en valor todas as capacidades das persoas que confortamos a cidadanía e este traballo temos que desenvolvelo entre todos, os políticos, as asociacións e a sociedade.” Por iso, dende hoxe e ata o 2 de decembro estase divulgando entre os colexios o vídeo realizado o ano pasado, pola Fundación TIC, e que pretende sensibilizar e mostrar o traballo das asociacións e as diferentes maneiras de vivir dos veciños e veciñas de Lugo aos nenos e nenas.

A Concelleira tamén anunciou que “os días 14, 15 e 16 de decembro vaise celebrar o mercadiño solidario Diversiarte, como se ven facendo dende o 2008 en horario de mañá e de tarde no fondo da Praza Maior”. Nesta edición haberá dous stand informativos nos que estarán representadas as asociacións da ONCE, Fademga, Aspace, Auxilia, Raiolas, Alucem e Lupus e 12 stand de venda onde se poderán mercar produtos realizados por asociacións como Alume, Agafi, Cogami, San Vicente de Paul, Afalu, Alcer, Adace, Asorlu, Alusir, Aspnais, Down ou Alufi.

Ana González Abelleira destacou que dende o Concello mantense o compromiso de axudar as entidades sociais, e en materia de dependencia, e asegurou que se seguirá facendo o esforzo para mantelo e para lograr unha igualdade real das persoas con algunha discapacidade.

Multimedia

Noticias relacionadas