O novo plan regulará a circulación de forma definitiva polo eixo Teatro–Santo Domingo–Praza de Abastos, liberando de tráfico Quiroga Ballesteros.
- Tema

O Concello de Lugo porá en marcha a partir desta tarde un novo plan de tráfico coa finalización das obras de peonalización na rúa do Teatro e a Praza de Santo Domingo. Esta reorganización da circulación ten como obxectivo devolver o uso peonil a determinadas rúas e consolidar o novo modelo de mobilidade sostible no centro histórico, a primeira Zona de Baixas Emisións (ZBE) da cidade.
As modificacións de tráfico entrarán en vigor a medida que se vaia avanzando na implementación desta nova ordenación, quedando totalmente instauradas a partir deste venres, 4 de xullo, a primeira hora da mañá, aínda que previsiblemente xa poidan estar operativas a medianoite de hoxe. Esta instauración progresiva faise para evitar que se produzan concentracións de tráfico puntuais.
Co novo plan, permitirase o acceso dos vehículos dende a rúa do Teatro cara ao aparcadoiro Ánxel Fole, o aparcadoiro de Santo Domingo e a propia Praza de Santo Domingo. A circulación poderá continuar descendendo por diante do edificio de Cortés (entre as fachadas e o xardín central), para seguir á dereita cara á Praza de Abastos e retornar pola rúa Lois Peña Novo e Armañá, volvendo a subir de novo por diante de Cortés e saíndo pola rúa do Teatro en dirección á Ronda da Muralla.
Con esta nova configuración, a rúa Quiroga Ballesteros quedará libre de tráfico rodado, poñendo fin ao desvío provisional que se viña utilizando ata o de agora. Así mesmo, a rúa San Marcos manterase como espazo peonil, consolidando a eliminación do tráfico que xa estaba en vigor nesta vía.
As obras na contorna da Praza de Santo Domingo atópanse practicamente rematadas, pendentes unicamente de pequenas actuacións de corrección e da instalación de mobiliario urbano.
Este novo plan insírese nas accións do executivo local para avanzar cara a un modelo de cidade máis amable, accesible e sostible, dando prioridade aos espazos peonís e a recuperación do centro histórico para o uso cidadán.

