A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá os traballos a Ovisa Pavimentos y Obras que terá un prazo de dous meses para executalos.
A mellora prevista inclúe a recuperación de camiños, muros e elementos singulares así como a instalación de varandas, mobiliario urbano e dun sistema de iluminación mediante balizas, respectuoso coa contorna
Lara Méndez cualificou a intervención como “o inicio da recuperación e transformación dun dos barrios máis emblemáticos da capital que simboliza a unión entre o recinto histórico e Miño”.

O executivo de Lara Méndez investirá 202.248 euros na humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX no barrio do Carme.
A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá os traballos á empresa Ovisa Pavimentos y Obras que disporá dun prazo de dous meses para concluílos.
A mellora prevista comprende a recuperación de camiños, muros e elementos singulares así como a instalación de varandas, de mobiliario urbano e dun sistema de iluminación mediante balizas, respectuoso coa contorna.
A alcaldesa destacou a importancia do proxecto, enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae e cofinanciada polo Concello de Lugo ao 20% e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea ao 80%, por “ser a primeira acción de gran envergadura coa que se transforme e recupere o Carme, o que suporá un antes e un despois para toda a zona”.
“A actuación, que se desenvolverá nun enclave determinante da historia, cultura e patrimonio lucense, redundará non só na posta en valor do Camiño Primitivo, recoñecido Ben Mundial, e na Vía XIX senón nun espazo, de gran beleza natural, no que conflúen varias áreas protexidas como son a Muralla e a Ponte Romana”, enxalzou a rexedora.
Méndez quixo lembrar que a intervención será minimamente invasiva e especialmente sensible aos condicionantes arquitectónicos da contorna, situada no ámbito do Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal PERI-6 (Plan Especial de Reforma Interior), polo que o seu desenvolvemento se fará conforme ás disposicións que marca a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Deste xeito, sinalou, “incluirá, ademais da recuperación dos camiños, unha serie de melloras na seguridade dalgúns puntos concretos do trazado mediante a dotación de alumeado público, a sinalización do percorrido ou a recuperación dos pavimentos e doutros elementos singulares”.
Así, a adecuación pulará por manter a integridade dos camiños coas características propias de cada tramo en canto a elementos tradicionais, tanto construídos como naturais, pero rexenerarase e nivelarase o firme para lograr unha maior seguridade.
“Alén disto, se instalarán varandas de madeira, a modo de protección, en diferentes ubicacións, se recolocarán os bloques pétreos que foron movidos na intersección do Camiño Primitivo con Rolda do Carme e se revestirán as escaleiras que comunican esta última coa Vía XIX cun material antiescorregadizo”, abondou a rexedora.
Igualmente se instalará iluminación, pouco invasiva, naquelas sendas que carezan dela para posibilitar o tránsito seguro en momentos de ausencia de luz natural, adaptándose o sistema ás necesidades estéticas da contorna e sempre acatando a normativa vixente e outras limitacións derivadas da posible aparición de restos arqueolóxicos.
Mellorarase a sinalización e colocaranse paneis informativos inclusivos que contarán cunha placa en braille
Debido a que en moitas zonas do trazado existen eivas de sinalización ou a actual se atopa desfasada en canto a formato e indicacións, se procederá tamén a colocar, entre outros elementos, tres paneis informativos, unha mesa interpretativa de granito e catro fitos pétreos sobre a Vía XIX, en consonancia con outros xa existentes na cidade. Estes disporán ademais, dunha placa en braille, en prol dunha maior inclusión.
Xa para finalizar, a alcaldesa contextualizou todas estas melloras de cara á celebración do vindeiro Ano Santo Xacobeo. ”Co acondicionamento destas vías de comunicación entre o centro da cidade e o Miño, no só queremos potenciar a súa utilización, incrementando a súa difusión, senón tamén fomentar entre os usuarios a importancia de coidalas e conservalas de forma conxunta”, rematou Lara Méndez.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación da mellora do Carme | Descargar mp3