O Concello facilitará 4 liñas de autobuses gratuítos ao centro da cidade para revitalizar o pequeno comercio no Nadal

A Alcaldesa anunciou esta nova medida que permitirá viaxar de balde dende hoxe ás 16:00 horas e ata o 5 de xaneiro, nas liñas 3, 4, 7A e 6, de luns a venres e sábados á mañá, e 3AE, 4E, 5E e 6E, os sábados á tarde, domingos e festivos

Concello e Federación poñen en marcha a campaña O Nadal sorpréndete, que arrancará mañá e se desenvolverá ata o 5 de xaneiro, para premiar as compras no comercio de proximidade

A entidade local tamén repartirá 5.000 bolsas entre o sector do comercio lucense para incentivar as compras no Mercado Municipal, na Praza de Abastos e no comercio tradicional

Martes, 22 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello facilitará 4 liñas de autobuses gratuítos ao centro da cidade para revitalizar o pequeno comercio no Nadal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes no Salón de Plenos durante a presentación da campaña O Nadal Sorpréndete, posta en marcha polo Concello de Lugo e a Federación de Comercio para incentivar a economía local, unha nova alternativa para revitalizar ao pequeno comercio lucense e atraer clientes ao centro da cidade durante a campaña de Nadal. Trátase de facilitar, dende hoxe ás 16:00 horas e ata o día 5 de xaneiro, o bus urbano de xeito gratuíto en 4 liñas que pasan polo centro da cidade, en concreto pola rúa Bolaño Rivadeneira e Santo Domingo. De luns a venres e sábados á mañá –laborais- as viaxes serán de balde na liña 3 –De Ramil a Fingoi-, 4 –De A Tolda (Conturiz) á Abella (Casás)-, 7A –De As Gándaras ao Cemiterio- e a 6 –De Montirón á Residencia (A Cheda), e os sábados á tarde, domingos e festivos as liñas 3AE, 4E, 5E e 6E.

“Con esta medida o Concello pretende paliar a situación socioeconómica que aínda está a atravesar o sector e mitigar a situación da tractorada que rodea á Muralla e que pode afectar de forma colateral ás vendas”, destacou a rexedora, quen aproveitou para remarcar o apoio do Concello aos gandeiros. “Entendemos que o sector está afectado pero non debe reverter no desenvolvemento do pequeno comercio e máis aínda nunhas datas propicias á compra como na que nos atopamos a día de hoxe. O sector lácteo e o sector do comercio deben convivir, pois son dous piares estratéxicos do Concello”, asegurou a rexedora.

“Establecer a gratuidade dos buses durante a campaña de Nadal enmárcase ademais na nosa aposta por incentivar as compras no comercio local”, asegurou Méndez ao tempo que fixo fincapé en que esta alternativa se converterá ademais nun estímulo e nunha axuda para os comerciantes, posto que o servizo de transporte público urbano de Lugo, o máis barato de Galicia, rexistra unha medida diaria de 8.200 pasaxeiros, de luns a venres.

Neste senso, a Alcaldesa aproveitou para lembrar que o Concello destinou no pasado ano preto de 227.000 euros para subvencionar accións dedicadas ao comercio e pequenas empresas, das que se beneficiaron unha trintena de empresas. “Nesta liña seguiremos a traballar dende o Concello, pois as administracións debemos apoiar e asistir a este sector, e máis aínda cando representa o 80% das empresas totais do municipio”.

Outro dos obxectivos desta medida é mellorar o tráfico e fomentar o transporte público entre os veciños e veciñas de Lugo e potenciar a participación nas actividades que o Concello organiza durante o Nadal para dinamizar a cidade, segundo explicou a rexedora. Neste senso, en apoio ao comercio e atendendo á importancia da campaña de Nadal para este sector, o Concello prendeu o alumeado ornamental nuns 40 puntos da cidade e instalou unha árbore na Praza Maior. A isto hai que sumarlle a apertura do Mercado do Nadal, a feira de artesanía ArteNadal, a pista de xeo ou o carrusel infantil da Praza Horta do Seminario, programación que se completa con teatro, bonecos, maxia ou actuacións musicais.

O Nadal sorpréndete

Paralelamente a esta medida, Concello e Federación de Comercio poñen en marcha a campaña O Nadal sorpréndete en apoio do comercio lucense. Esta iniciativa, que arrancará mañá e se desenvolverá ata o 5 de xaneiro, ten como finalidade premiar as compras no comercio de proximidade. Diferentes personaxes propios do Nadal recorrerán as rúas da cidade, maioritariamente as do centro, en busca dos consumidores que compran no pequeno comercio para obsequialo con cheques que poderán ser cambiados por tarxetas de compra. Repartiranse en total 5.000 euros de premios.

No acto de presentación desta campaña, o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, agradeceu ao Concello a sensibilidade demostrada co comercio de Lugo.

5.000 bolsas en apoio do comercio lucense

Nesta liña, O Concello de Lugo repartirá 5.000 bolsas entre o sector do comercio lucense para incentivar as compras no Mercado Municipal, na Praza de Abastos e no comercio tradicional. Trátase de bolsas de papel reciclado de tamaño medio adaptable aos diferentes artigos que se poden comprar habitualmente no comercio.

Audio

  • Lara Méndez, sobre as 4 liñas de autobuses gratuítos|Descargar mp3

Noticias relacionadas