O Concello de Lugo valida definitivamente o proxecto para desenvolver a urbanización privada da Quinta de Pérez

O Executivo de Lara Méndez autorizou hoxe en Xunta de Goberno a actuación, á que non se presentaron alegacións, que terá un prazo de execución de 6 meses.

A rexedora puxo en valor a iniciativa particular que contribuirá a mellorar o barrio de Paradai no que se están levando a cabo diversas obras de humanización.

Mércores, 13 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo valida definitivamente o proxecto para desenvolver a urbanización privada da Quinta de Pérez

A Xunta de Goberno validou hoxe de forma definitiva o proxecto para desenvolver a urbanización e ensanche do treito da Quinta de Pérez no que conflúen as rúas Otero Pedrayo e Río Sil.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, puxo en valor o alcance desta actuación de ámbito privado que terá como principal resultado unha significativa mellora da zona, especialmente no que ten que ver co tránsito peonil, ao tratarse dun ámbito de titularidade particular que aínda non fora executado na súa totalidade e que carece, nunha das dúas marxes, de beirarrúas e de parte da calzada.

“A materialización destas obras, orzamentadas en 160.000 euros e que deberán estar executadas no prazo de 6 meses, conferiranlle a este punto da capital unha dimensión máis amable e confortable, acorde á estratexia municipal que impulsamos dende o Executivo e coa que se pretenden conciliar todas as necesidades reais, cotiás e variadas da veciñanza”, explicou.

Así, a rexedora recordou que o pasado mes de maio a área de Medio Ambiente puxo a disposición da cidadanía, nesta mesma contorna, unha nova área de descanso. “Concretamente na confluencia de Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaveiro, apostando así por rexenerar o barrio de Paradai, onde tamén arranxamos, a principios de ano, un gran banco de 14 metros de lonxitude e prevemos a próxima construción doutro espazo de ocio e convivencia interxeracional que incluirá unha zona de xogos infantís”, lembrou Méndez.

Pola súa parte, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, debullou algúns dos aspectos técnicos da intervención que permitirá resolver a continuidade dos itinerarios que comunican Otero Pedrayo e Río Sil “nunhas condicións dignas de urbanización, con todos os servizos de abastecemento e saneamento, mellorando notablemente o estado do pavimento actual, as dimensións da calzada, e tamén as dotacións de iluminación o que redundará nunha maior seguridade, especialmente en horario nocturno”, afirmou.

O edil trasladou, así mesmo, que a urbanización prevista reverterá igualmente na ordenación da oferta de prazas de estacionamento existentes na zona, “minimizando os espazos residuais e erradicando así puntos que puideran considerarse degradados ou insalubres, o que se imbrica no espírito que impulsamos dende o Executivo para acadar unha cidade máis integradora e habitable para todos e todas”, apuntou Santos Ramos.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local

Na sesión deste mércores, o equipo de Goberno procedeceu, igualmente, a outorgar varias licenzas para diferentes actuacións urbanísticas no termo municipal, entre as que destaca a agrupación de varias parcelas e ampliación dun almacén de produtos zoosanitarios no Polígono do Ceao (681.988 €), así como a construción dunha vivenda unifamiliar en Piúgos (107.575 €) ou a rehabilitación dun edificio no Campo Castelo (168.995 €) que, no seu conxunto, superan o investimento dun millón de euros.

Do mesmo xeito, foi autorizado o inicio do proceso de contratación para a adquisición dunha autobomba urbana pesada co seu equipamento auxiliar para o Servizo de Prevención, Extinción de incendios e Salvamento por un importe de licitación de 477.950 euros.

Audio

  • O concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, sobre a Quinta de Pérez | Descargar mp3

Noticias relacionadas