O Concello de Lugo respalda a solicitude veciñal de Ámbito de Rehabilitación e Rexeneración Urbana para o barrio da Milagrosa

Luis Álvarez destaca a importancia desta iniciativa que permite optar a axudas para rehabilitación nunha zona cun parque de 1.314 vivendas e na que residen 2.814 persoas

Luns, 20 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro e os representantes veciñais destacan que a solicitude presentouse a pesar de que a Xunta non deu máis que un mes de prazo para a súa tramitación
 
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, expresou o total apoio do Concello á solicitude de declaración do Ámbito de Rehabilitación e Rexeneración Urbana para o barrio da Milagrosa, que presentaron o venres as asociacións de veciños en colaboración co equipo de arquitectos GAU.

Luis Álvarez fixo público o completo respaldo do Goberno local a esta iniciativa nunha rolda de prensa na que acompañou ós dirixentes veciñais Jesús Vázquez e Valentín Arias e ós representantes de GAU, acto no que se informou da presentación da solicitude do ARRU para o barrio da Milagrosa, que foi posible a pesar de que a Xunta de Galicia só deu un mes de prazo para a presentación de solicitudes a pesar da complexidade na súa tramitación, feito que puxeron de manifesto tanto o Concelleiro como os representantes veciñais.

Con esta iniciativa, trátase de obter axudas económicas das administracións públicas para a rehabilitación e rexeneración urbana “dun barrio singular da nosa cidade, que mantén unha identidade clara a pesar de que acolle moitas persoas de distinta procedencia e con distinto nivel económico”, como destacou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

“Estou moi esperanzado en que a este barrio se lle dea a atención que merece”, afirmou Luis Álvarez e engadiu que “o Concello de Lugo vai estar detrás, apoiando este proxecto, tamán teño a absoluta confianza en que a Xunta terá que ser sensible a esta iniciativa”, da que pronosticou que “vai sair ben, no Concello xa temos a experiencia desenvolvida na Área de Rehabilitación Integral do Sagrado Corazón e ésta aínda nace mellor, se cabe, porque xorde da colaboración entre os veciños e un grupo de arquitectos, contando co respaldo total do Goberno local”.

Pola súa parte, o presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, indicou que a aprobación do ARRU “ é clave a rexeneración deste contorno, que foi o corazón da Milagrosa e que se está degradando, con vivendas infrautilizadas ou abandonadas e carentes de servizos”. Tamén lamentou o escaso prazo de tempo dado pola Xunta para a tramitación da solicitude e indicou que dada a súa complexidade sería preciso un prazo máis ámplo.  

Valentín Arias, presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa, manifestou que “sería unha lástima deixar pasar esta ocasión por un problema de prazos e, como é o noso deber, queremos coller este tren que nos parece moi útil para mellorar o barrio”. Explicou tamén que hai interese dos veciños en coñecer as posibilidades para acollerse as axudas que permitirán mellorar as condicións dos edificios en aspectos como o acondicionamento das fachadas ou a instalación de ascensores.

Dacordo co estudo elaborado polo Gabinete de Arquitectura e Urbanismo, GAU, do que forman parte Jorge Salvador Fernández, Alberte González Rodríguez, Manuel López Guitar e Jorge Gómez Cereijo, o barrio da Milagrosa ten particularidades como o feito de que nel reside unha maior porcentaxe de poboación extranxeira que na medida da cidade (15,6% fronte a 8,6%) ou ten unha maior taxa de envellecemento (24% son maiores de 64 anos mentres a media no municipio é do 20,3%).

A delimitación da zona de actuación abarca 13,5 hectáreas, das que só 2,9 son de espazos libres públicos. En total hai 430 edificios, 429 deles residenciais, cun total de 1.314 vivendas e a poboación estímase en 2.814 habitantes. As rúas que comprende a zona para a que se pide a declaración de Ámbito de Rehabilitación e Rexeneración Urbana son Luis Seoane, Yáñez Rebolo, Camiño Real, Menorca, Xulia Minguillón, Pintor Villaamil, Tino Grandío, García Abad, Esquecemento e Concepción Arenal, así como a praza da Milagrosa e parte das rúas Tui, Lamas de Prado, Freixo e Castro Gil.

 

Multimedia

Noticias relacionadas