O Concello de Lugo presenta a festa do Arde Lucus na Coruña

Xoves, 03 de xuño de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, presentou esta maña no Centro Comercial Dolce Vita a festa do Arde Lucus, unha celebración que volve a cidade amurallada ao seu pasado romano. O obxectivo deste acto, no que tamén participou o xerente do Centro Comercial Dolce Vita, Javier Moreno, foi animar a todos os coruñeses a achegarse a Lugo na fin de semana do 25 ao 28 de xuño e que disfruten, coa cidadanía de Lugo e os visitantes que veñen desde moi diversos lugares, dos tres días que amosan o orgullo polo noso pasado romano.

Rielo indicou que a cidade está xa a preparar os motores da festa e explicou que a festa cada ano conta cun maior número de visitantes, chegando o ano pasado a reunir a máis de 460.000 persoas.

A Concelleira explicou que esta edición da festa contará como outros anos con importantes atractivos: o Macellum (mercado romano), o campamento militar, recreación do circo romano, actividades teatrais, animación de rúa, o rito das vodas celtas, a festa da bacanal e diferentes obradoiros. Pero haberá moitas novidades que seguro sorprenderan a todos os que se acheguen ata a cidade amurallada.

O centro histórico da cidade énchese de actividades que recrean os inicios de Lucus Augusti e das que disfrutan lucenses e visitantes de todas as idades. As rúas engalanaranse para transportar a todos aos tempos romanos, cada praza terá actividades para todas as idades, para que todos gocen da festa e que o casco histórico convértase nunha cidade máxica que faga viaxar no tempo

Trátase dunha festa para todos na que, a pesar da participación masiva, o programa desenvólvese sen incidencias, polo esforzo que realizan os técnicos da Concellería de Xuventude e polos demais servizos implicados na festa: Protección Civil, os servizos de limpeza, os servizos eléctricos, Policía Local e Bombeiros.

Para a promoción desta festa na Coruña, durante os sábados 5, 12 e 19 de xuño un grupo de persoas caracterizadas como romanos estarán no stand que o Concello ten neste centro comercial. Serán integrantes das asociacións de recreación histórica xurdida con motivo da festa lucense: Caetra, Civitas e Terra Corpora.

Web de Arde Lucus: http://www.ardelucus.com

 

Multimedia

Noticias relacionadas