O Concello de Lugo está a tramitar a transformación de case 900.000 metros cadrados de novo solo industrial e residencial

Nestes sete meses, a área de Urbanismo desenvolveu plans parciais na Avenida Duquesa de Lugo, Paradai e Sagrado Corazón, entre outras zonas.

O alcalde sinala que “este dinamismo urbanístico é clave para o crecemento equilibrado da urbe e para avanzar nos usos que se están a definir en barrios claves da cidade”.

Miguel Fernández fixo un balance da situación actual da tramitación e xestión urbanística, xunto ao edil Jorge Bustos e ao director xeral deste departamento, Hipólito Pérez.

Martes, 19 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo está a tramitar a transformación de case 900.000 metros cadrados de novo solo industrial e residencial

O Concello de Lugo está a tramitar a transformación de case 900.000 metros cadrados de novo solo, tanto industrial como residencial, en varias zonas da cidade, entre as que figuran o Ceao, Villaestevez, Paradai e o Sagrado Corazón. Este é parte do traballo que se fixo ao longo dos sete primeiros meses do actual exercicio, tal e como puxeron de manifesto o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, o edil de Urbanismo, Jorge Bustos, e o director xeral desta área municipal, Hipólito Pérez, no balance das actuacións acometidas por esta concellería no que vai de ano. Neste sentido, o rexedor municipal considera que “este dinamismo urbanístico é clave para o crecemento equilibrado de Lugo e para avanzar nos usos que se están a definir en barrios claves para a cidade”.

No que atinxe ao planeamento urbanístico está a xestionarse a tramitación de plans parciais de solos urbanizables, con 580.000 metros cadrados de novo solo industrial e 283.000 de uso residencial, o que fai un total de 863.000 metros cardados de novo solo en proceso de transformación.

O de maior superficie destes plans é o parcial do sector de solo urbanizable delimitado S.5.I, que se sitúa entre a Avenida Duquesa de Lugo, onde a Deputación de Lugo está a executar nestes días as obras de desdobramento, e a zona de As Gándaras. Trátase dunha superficie duns 380.000 metros cadrados, para uso industrial e comercial, e que foi aprobado definitivamente polo pleno municipal, do pasado 31 de xullo. 

Outra das grandes actuacións afecta ao plan parcial S-6.I, que promove Leche Río na zona do Ceao, e que suporá a tramitación de 182.000 metros cadrados de solo de uso industrial para a ampliación da citada planta. Na actualidade, e unha vez superada a fase de avaliación ambiental estratéxica, se está á espera de que o promotor presente a documentación para a aprobación inicial.

Tamén nesta categoría inclúese o plan parcial S-1.I, que contempla unha superficie de 70.000 metros cadrados de uso industrial para a ampliación de Maderas Besteiro.

Uso residencial

Hai varias tramitacións de plans parciais para uso residencial que suporán a transformación de 283.000 metros cadrados para a construción de vivendas. Así, ao norte da avenida dos Deportes, se está a desenvolver un plan parcial do sector de solo urbanizable delimitado S-15.R, cunha superficie de 43.000 metros cadrados para uso residencial e que na actualidade está pendente da aprobación inicial, unha vez presentada toda a documentación.

O Plan Parcial do sector S-13.R, promovido pola Deputación de Lugo na zona de Paradai,  afecta a unha superficie de 120.000 metros cadrados. Na actualidade o borrador do plan está en trámite de avaliación ambiental estratéxica.

Por outra banda, o Goberno Local emitiu informe favorable ao proxecto de interese autonómico do sector de solo urbanizable delimitado S-5.R, na zona do Sagrado Corazón, dunha superficie de 120.000 metros cadrados, para uso residencial. Na actualidade está en tramitación polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Ademais, o plan especial de dotacións para o cemiterio en Coeses, aprobouse inicialmente pola Xunta de Goberno Local o pasado 11 de xuño, mentres que o plan especial de reforma interior da unidade de intervención UI-5, do Museo Provincial, superou xa a fase de avaliación ambiental estratéxica e está á espera da presentación de documentación para a aprobación inicial.

Por último, ao longo destes sete meses do ano, desde o departamento de Urbanismo, se están a tramitar nove estudios de detalle.

No que afecta á planeamento urbanístico destacan igualmente modificacións puntuais no PXOM, entre as que figuran a que afecta ao URPI-58, do sector CS-5 do Garañón, aprobado inicialmente polo pleno o pasado mes de febreiro, tendo concluído xa a fase de información pública. Ademais, na actualidade os servicios municipais están a redactar as modificacións non substanciais da normativa do PXOM, e outra que afecta ao ámbito de Quinta de Pérez.

Ao marxe do planeamento urbanístico, desde a concellería de Urbanismo se están a tramitar varios proxectos de urbanización: o do polígono G, de Paradai, nunha superficie privada de 6.000 metros cadrados, de uso residencial; e o proxecto de urbanización do sector S-16.R, entre a Nacional VI e a Avenida dos Deportes, que contempla unha superficie de 16.000 metros cadrados, tamén para uso residencial. Ademais, outros proxectos de compensacións atópanse en fase de tramitación.

Audio

  • Jorge Bustos, sobre o novo solo industrial e residencial | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo está a tramitar a transformación de case 900.000 metros cadrados de novo solo industrial e residencial

Noticias relacionadas