O Goberno local aprobará esta semana tres medidas clave: unha nova convocatoria de subvencións do Servizo de Igualdade, a prórroga do programa de apoio psicolóxico a menores vítimas de violencia de xénero e a actualización do Plan Estratéxico de Subvencións para 2025.
O investimento total ascende a 722.600 euros e permitirá reforzar proxectos e programas impulsados por entidades sociosanitarias, culturais, deportivas e comunitarias de Lugo.
“Queremos seguir sendo unha administración útil, comprometida co territorio e que recoñece o papel fundamental das asociacións na construción dunha cidade máis viva, inclusiva e cohesionada”, subliña o alcalde, Miguel Fernández.

O Concello de Lugo fortalece a súa alianza co tecido asociativo da cidade, recoñecendo o seu papel esencial na dinamización social e comunitaria. Esta semana, o Goberno local aprobará tres medidas que suman un investimento total de 722.600 euros: unha nova convocatoria de subvencións do Servizo de Igualdade, a prórroga do servizo de apoio psicolóxico a menores vítimas de violencia de xénero e a actualización do Plan Estratéxico de Subvencións para o exercicio 2025.
“Lugo é hoxe unha cidade viva grazas ao traballo das súas asociacións. Desde o Goberno local temos claro que sen elas non sería posible construír unha cidade participativa, creativa e integradora. Por iso seguimos reforzando esa alianza cun compromiso firme, planificado e estable no tempo”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández.
O rexedor destacou que estas medidas “reflicten unha maneira de gobernar que entende o tecido asociativo como parte activa do desenvolvemento da cidade. Queremos seguir sendo unha administración útil, comprometida co territorio e que recoñece o papel fundamental das asociacións na construción dunha cidade máis viva, inclusiva e cohesionada”.
Subvencións do Servizo de Igualdade para 2025: apoio á igualdade de xénero e á diversidade
O Concello aprobará unha nova convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, dirixida a entidades sen ánimo de lucro con sede en Lugo que traballen na defensa da igualdade, na promoción da diversidade afectivo-sexual e na loita contra as violencias machistas.
A convocatoria estrutúrase en dúas liñas específicas: unha orientada ás asociacións que desenvolven proxectos con mulleres, e outra dirixida a entidades que actúan no ámbito LGTBIQ+. Esta diferenciación permite adaptar os apoios públicos ás necesidades e realidades de cada colectivo.
A contía total ascende a 25.000 euros, e o procedemento será íntegramente telemático. As entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes no prazo de 15 días hábiles a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Estas axudas pretenden fortalecer o papel das asociacións como aliadas clave na construción dunha cidade máis igualitaria, respectuosa e diversa.
Apoio psicolóxico a menores vítimas de violencia de xénero
O Goberno local tamén renovará por un ano o contrato do servizo municipal de atención psicolóxica a menores fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, co obxectivo de garantir a continuidade dunha intervención especializada que ten demostrado a súa eficacia e necesidade.
O programa ofrece atención individualizada e adaptada ao calendario escolar, cun enfoque que prioriza a seguridade emocional, a recuperación e o benestar dos menores en situación de especial vulnerabilidade. Desenvolverase entre o 7 de xullo de 2025 e o 6 de xullo de 2026, cun orzamento de 12.500 euros financiado con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Esta prórroga reforza o compromiso do Concello de Lugo cunha atención integral ás vítimas, recoñecendo a importancia de intervir non só coa muller, senón tamén cos menores afectados, ofrecendo recursos de apoio emocional e psicolóxico adaptados á súa idade e situación.
Plan Estratéxico de Subvencións 2025: 685.100 euros para reforzar o tecido asociativo
A terceira das medidas previstas é a actualización do Plan Estratéxico de Subvencións para o exercicio 2025, que contempla un investimento global de 685.100 euros, distribuídos entre:
- 259.100 € en subvencións nominativas a proxectos específicos desenvolvidos por entidades con traxectoria recoñecida.
- 426.000 € en subvencións por concorrencia, tanto competitiva como non competitiva, que se convocarán publicamente ao longo dos próximos meses.
A previsión é que estas liñas beneficien directamente a un mínimo de 25 entidades da cidade, aínda que esa cifra podería aumentar coas resolucións definitivas.
Este modelo de apoio responde a unha filosofía compartida por todas as áreas do Goberno local: construír unha cidade máis cohesionada, inclusiva e dinámica a través da colaboración directa coas entidades sociosanitarias, culturais, deportivas e comunitarias.

