O Concello de Lugo activa a conta atrás para o Arde Lvcvs 2025 co tradicional Natalicio, que terá lugar este sábado 31 de maio

A cita simbólica comezará ás 21:00 horas cun desfile desde a Praza de Santa María ata a Mosqueira, onde se realizará unha ofrenda á Muralla e se iniciará oficialmente a conta atrás para a festa, que se celebrará do 12 ao 15 de xuño.

Xoves, 29 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo activa a conta atrás para o Arde Lvcvs 2025 co tradicional Natalicio, que terá lugar este sábado 31 de maio

O Concello de Lugo celebrará este sábado, 31 de maio, o tradicional Natalicio, o acto simbólico que marca o inicio da conta atrás para unha nova edición do Arde Lvcvs, a festa de recreación histórica que converterá unha vez máis a cidade nun auténtico escenario castrexo e romano.

A celebración comezará ás 21:00 horas coa saída dun desfile desde a Praza de Santa María ata A Mosqueira, onde o personaxe de Paulo Fabio ofrecerá un discurso como ofrenda á Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade. Será neste emblemático espazo onde se activará a conta atrás oficial para o Arde Lvcvs 2025, que terá lugar entre os días 12 e 15 de xuño.

Posteriormente, o desfile continuará desde A Mosqueira ata a Praza do Campo, coa participación das diferentes asociacións de recreación histórica da cidade, que un ano máis volverán ser protagonistas da festa e garantes da súa autenticidade e espectacularidade.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, animou á veciñanza a participar no acto e destacou o valor colectivo do evento: “O Arde Lvcvs é moito máis ca unha festa: é unha mostra de identidade, de traballo compartido e de orgullo pola nosa historia. Convido a toda a cidadanía a achegarse este sábado e acompañarnos neste ritual simbólico co que comezamos a conta atrás para unha edición que volverá ser inesquecible”.

O Arde Lvcvs foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional en 2023, un recoñecemento que reflicte o seu impacto cultural, turístico e económico, e que a consolida como unha das grandes celebracións de recreación histórica a nivel global. A edición de 2024 foi mostra diso, cunha ocupación hoteleira do 100% e unha afluencia de público histórica, consolidando o evento como unha das citas culturais máis destacadas do calendario galego.

Este éxito non sería posible sen o traballo incansable das 19 asociacións de recreación histórica de Lugo, que ano tras ano manteñen vivo o espírito castrexo e romano co seu compromiso, rigor e paixón. Entre elas atópanse: Ara Roma, Asamblearias Lucus Augusti, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Clan de Breogán, Cohors III Lucensium, Guardia Pretoriana, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Lugdunum, Mercenarios Galaicos, Pax Romana, Salesiani Luci Augusti, Senatus Lucus Augusti, Terra Copora, Tir Na n'Og, Trebas Galaicas e Vestales Lucus Augusti.

O Arde Lvcvs é xa un referente internacional na recreación histórica, e unha oportunidade única para revivir a historia, pór en valor o patrimonio e dinamizar a vida cultural e económica da cidade. O Concello convida á veciñanza e visitantes a gozar deste primeiro acto que dá paso á celebración completa, e a mergullarse nunha viaxe no tempo que converterá Lugo, unha vez máis, na capital da romanidade e do pasado galaico.

Multimedia

  • O Concello de Lugo activa a conta atrás para o Arde Lvcvs 2025 co tradicional Natalicio, que terá lugar este sábado 31 de maio

Noticias relacionadas