O Concello concederá o premio Entre Mulleres a Mar Castro o 8 de marzo e realizará distintas actividades para visibilizar á muller

Ana Abelleira presentou este venres a programación para conmemorar o Día Internacional da Muller, que esta edición leva como imaxe distintas anotacións que denuncian dende a fenda salarial, a desigualdade científica e directiva, a publicidade sexista ou as violacións, entre outras

Venres, 03 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello concederá o premio Entre Mulleres a Mar Castro o 8 de marzo e realizará distintas actividades para visibilizar á muller

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentou este venres no Salón de Plenos as actividades que programou o Concello para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebrará o vindeiro mércores, 8 de marzo. O Concello concederá o premio Entre Mulleres á luguesa Mar Castro, a proposta do Goberno, unha entusiasta amante da comunicación e o protocolo, tal e como se define ela mesmo. Previamente, ás 12:00 horas, na Praza Maior, diante do Concello, terá lugar a lectura do manifesto. Tamén ese día, ás 20:30 horas, dentro da programación da XVII Mostra de Teatro Clásico, organziada pola entidade local, a compañía de Lugo, Palimoco Teatro, representará a obra, Medea, Salvaxe?.

"É importante ter presente que a igualdade real e efectiva é unha tarefa de todos e todas", subliñou Ana Abelleira, quen lembrou que con estes premios, o Concello quere visibilizar o papel das mulleres na sociedade. Ademais, a edil denunciou as desigualdades existentes aínda a día de hoxe entre homes e mulleres, desigualdades nas que este ano se centra a difusión da programación do 8 de Marzo da entidade local, con distintas anotacións que denuncian dende a fenda salarial, a desigualdade científica e directiva, a publicidade sexista ou as violacións, entre outras. "Temos que ser quen de eliminar todas as barreiras contra as mulleres que siguen én pé, e isto pasa por cada un e unha de nós", concluíu Abelleira.

Ademais destas actividades, o domingo 12, celebrarse a XIV Marcha pola Igualdade, con saída da Praza Maior ás 12:00 horas. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial, Cantar Delas ofrecerá o concerto A muller na música.

Entre as actividades para conmemorar o Día da Muller, o Concello tamén ten preparada unha proba deportiva, dentro do Circuíto Larsa Corre con Nós, que se converterá no Corre con Elas o 9 de abril, ás 12:00 horas, polo paseo de Ombreiro. Tamén, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando, levarase a cabo un programa de fomento de igualdade, así como actividades en prol da igualdade e en contra da violencia de xénero na Biblioteca Municipal, institutos ou eventos deportivos e culturais, entre outros. 

Máis info

  • Programa para o Día Internacional das Mulleres 2017 |Descargar pdf

Multimedia

  • O Concello concederá o premio Entre Mulleres a Mar Castro o 8 de marzo e realizará distintas actividades para visibilizar á muller

Noticias relacionadas