O Concello adxudica en 300.000 euros obras de mellora de estradas do rural

Acondicionaranse pistas nas parroquias de Soñar, Carballido, Pedreda, Coeses e Santa Comba

A Xunta de Goberno aprobou os pregos que rexerán a concesión das casetas e os caldeiros do polbo para as festas de San Froilán

Mércores, 15 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O voceiro municipal durante a súa comparecencia

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a adxudicación de obras de rexeneración de pistas e estradas no rural por valor de preto de 300.000 euros. Segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, por un lado, acondicionaranse, cun orzamento 134.104 euros, pistas nas parroquias de Soñar, Carballido e Pedreda, unhas actuacións enmarcadas no Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal financiado por AGADER a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Dos 134.000 euros de orzamento, AGADER aporta 110.800 e o Concello, 23.200. Estas obras, que comezarán en agosto, teñen un prazo de execución de un mes. Consistirán na rexeneración integral das estradas, e na limpeza de bordes, cunetas e taxeas.

Por outra banda, cunha dotación económica de 161.997 euros, executaranse obras de rexeneración do firme das estradas de Ceza a Portanova e a de Vilalvite a Ventosinos de Arriba –ambas na parroquia de Coeses- e a que discorre entre a N-546 e Santa Engracia –pertencente a Santa Comba-. O prazo de execución é, igualmente, de un mes. Neste caso, os traballos forman parte do plan de investimentos que desenvolve o Concello con cargo aos remanentes conseguidos o pasado exercicio grazas á boa xestión económica do Goberno local.

Rúa Lopo Lías

Tamén relacionado con obras de mellora na rede viaria, aínda que neste caso no casco urbano, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación das obras de pavimentación e servizos da rúa Lopo Lías, que conta cun orzamento de 54.800 euros e un prazo de execución de dous meses.

San Froilán

Por outra banda, o Concello iniciou o proceso para adxudicar as casetas e caldeiros do polbo durante as festas de San Froilán. Na Xunta de Goberno aprobáronse os pregos que rexerán a concesión. Haberá catro casetas, en vez de cinco, como o ano pasado, “polo que quedará máis espazo libre neste entorno do Parque para poder aparcar ou para o propio funcionamento das casetas”, indicou Miguel Fernández.

Os prezos de saída para as casetas son os seguintes: 18.400 euros, para a número 1; 17.200 euros, para a 2; 16.100 euros, para a 3; e 15.000 euros, para 4. En canto aos dos caldeiros: 11.500 euros para o número 1; 10.300 euros para o 2; 9.200 euros para o 3; e 8.200, para o 4. Os prezos establecéronse en función da proximidade ao recinto feiral.

 Todos os postos deberán ter visibles os prezos, que quedan fixados do seguinte xeito: 

- 200grs. de pulpo: 7,25 euros

- 200 grs. de pan: 1,05 euros

- 200grs. de cachelos: 1,05 euros

- ¾ de viño: 4,15 euros.

Os interesados poderán presentar propostas durante 30 días hábiles, contados dende que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia, que previsiblemente será xa mañá, xoves. 

“As condicións establecidas nos pregos son iguais que as dos últimos anos”, asegurou o voceiro municipal, quen confirmou que no 2016 “introduciremos cambios para reorganizar e actualizar, aproveitando que, tanto este prego, como o do recinto feiral rematan”.

Audio

  • Declaracións do voceiro municipal, Miguel Fernández, sobre as melloras no rural | Descargar mp3
  • Declaracións do voceiro municipal, Miguel Fernández, sobre a adxudicación de casetas e caldeiros para o San Froilán| Descargar mp3

Noticias relacionadas