O Concello acurta prazos para poder facerse cargo antes da roza e limpeza de fincas en mal estado

A Alcaldesa anunciou a medida durante a visita que realizou con veciños e veciñas ao barrio da Milagrosa para abordar os seus problemas e presentarlles as solucións nas que traballa o Goberno local

Méndez avanzou tamén que a casa 118 de Camiño Real que está ocupada será tapiada polo banco propietario e que a candidatura para optar ás axudas da Área de Rehabilitación e Renovación Urbana estará lista a finais de ano

Venres, 20 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello acurta prazos para poder facerse cargo antes da roza e limpeza de fincas en mal estado

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou este venres un bando no que anuncia o inicio dunha campaña para promover a limpeza e mantemento de soares en toda a cidade coa finalidade de previr incendios a través da que o Concello acurta os prazos para poder facerse cargo da roza de maneira subsidiaria, esto é, repercutíndolle despois aos propietarios o custe dos traballos. Así o anunciou a rexedora hoxe, durante a visita que realizou con veciños e veciñas ao barrio da Milagrosa para abordar os seus problemas e plantexarlle as solucións nas que traballa o Goberno local. “Ás veces non temos as competencias, pero si temos a vontade de solucionar os problemas dos lucenses, entendendo ademais que o Concello é a primeira porta á que chaman sempre os veciños”, subliñou a rexedora.

Lara Méndez explicou que no bando, que sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o vindeiro martes, lémbrase aos propietarios das parcelas, independentemente do tipo de solo no que se sitúen –urbano, urbanizable delimitado, urbanizable non delimitado ou non urbanizable-, a súa obriga de proceder ao roce e limpeza das mesmas para evitar as importantes molestias que ocasionan. Igualmente, se comunica que inspectores municipais supervisarán o cumprimento dese deber e, no caso dos que se atopen sen rozar, o Concello procederá, se non hai alto risco de incendio, a ordenar o desbroce nun prazo de 15 días, coa incoación de expediente sancionador e apercibimento de execución subsidiaria, e se hai alto risco de incendio, co informe xustificativo do servizo de Bombeiros, á execución subsidiaria de maneira inminente, pasando despois os custes aos propietario. Esta medida “dá resposta a unha ampla demanda veciñal de toda a cidade”, subliñou a Alcaldesa.

Seguridade

Esta foi unha das cuestións anunciadas por Méndez, que tamén se referiu aos problemas de seguridade do barrio da Milagrosa, lembrando que se aumentará a presencia da Policía Local na zona e se aprobará unha ordenanza cívica, ademais de avanzar que, tras conversas cos veciños e co titular da casa 118 de Camiño Real, que se atopa ocupada, a entidade titular do inmoble, o banco Sabadell, procederá a desocupar a vivenda e ao seu posterior tapiado de maneira inminente.

Rehabilitación

Para complementar a estas actuacións, Méndez confirmou que o Concello, a través da empresa municipal Evislusa, terá rematada a finais de ano a candidatura para que A Milagrosa opte a converterse Área de Rehabilitación e Renovación Urbana (ARRU) e recibir deste xeito axudas, o que “contribuirá a revitalizar o barrio, que non se siga deteriorando, e que volva a ser vivo, dinámico e atractivo para que aquí volva a xente nova”.

A Alcaldesa, que estivo acompañada polo presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, entre outros directivos, asociados ao colectivo e veciños e veciñas da zona, agradeceu o carácter “reivindicativo e participativo” do movemento asociativo da cidade, “que sempre aporta solucións e intenta  dinamizar a vida dos barrio e polo tanto a da cidade”. Na visita tamén participaron os concelleiros de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, ademais de técnicos municipais de Infraestruturas e Evislusa, e axentes da Policía Local para resolver as cuestións e dúbidas plantexadas pola veciñanza.

Multimedia

  • O Concello acurta prazos para poder facerse cargo antes da roza e limpeza de fincas en mal estado
  • O Concello acurta prazos para poder facerse cargo antes da roza e limpeza de fincas en mal estado

Noticias relacionadas