O Concello abre o procedemento de contratación do programa Aprende Xogando, que ten por obxecto a conciliación familiar e laboral

Poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, empadroados no municipio. O horario é, no período lectivo, das 16:00 ás 20:30 horas, e nas vacacións escolares tamén en xornada de mañá, das 09:00 ás  14:00 horas

Ademais deste asunto, na Xunta de Goberno deste mércores deuse luz verde á licitación da subministración de 10.000  tarxetas cidadás por 33.000 euros.

Mércores, 30 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a apertura do procedemento de adxudicación do programa de intervención e pedagóxico Aprende Xogando, -as ociotecas dos centros Maruja Mallo e Uxío Novoneyra, e da nave de vías e obras do Parque da Milagrosa-  co obxecto de continuar co desenvolvemento de actividades que permiten aos pais e nais a conciliación da vida laboral e familiar.

Tal e como explicou o Voceiro municipal, Miguel Fernández, con este programa promóvese o desenvolvemento cognitivo, psicomotor, afectivo e social dos cativos e cativas nun espazo lúdico, así como o impulso da súa imaxinación e creatividade a través de xogos. Ademais, favorécese a comunicación, o traballo en equipo e o respeto. As persoas destinatarias deste programa serán nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, empadroados no municipio. Terán prioridade no acceso as fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero, así como de pais ou nais con cargas familiares non compartidas, con persoas dependentes ao seu cargo ou que traballen ou estean a formarse.

Haberá 8 monitores e monitoras a xornada completa ao longo das vacacións escolares, 4 a xornada media de tarde durante 9 meses e 4 en xornada media como reforzo en verán e nadal, para os centros de Lamas de Prado e María Balteira. Deste xeito, o horario das ociotecas é, no período lectivo, das 16:00 ás 20:30 horas, e nas vacacións escolares tamén en horario de mañá, das 09:00 ás 14:00 horas.

O Concello publicará o anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), así como no Perfil do contratante na web municipal, www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 15 día naturais dende a publicación de dito anuncio no boletín. O contrato terá unha duración de 2 anos, prorrogables por períodos anuais, por outros 2, e o orzamento máximo para a primeira anualidade ascende a uns 133.000 euros.

Tarxeta Cidadá

Miguel Fernández informou de que na sesión deste mércores se abriu un novo procedemento de licitación para a contratación da subministración de tarxetas cidadás, tras declararse deserto o anterior procedemento. Serán 10.000 tarxetas cun importe de 33.000 euros. As primeiras 2.500 tarxetas deberán ser entregadas no prazo dun mes a partir da formalización do contrato, mentres as restantes serán entregadas en lotes de 2.500 aos tres, seis e nove meses.

Todas as empresas interesedas deberán presentar as súas proposicións no Rexistro Xeral do Concello nun prazo de 15 días naturais dende a publicación do anuncio de licitación no BOP e en www.lugo.gal.

A Tarxeta Cidadá é un dispositivo intelixente multiservizo, que lle permite aos usuarios identificarse e facer uso dos servizos municipais dun modo máis rápido e sinxelo. Máis de 20.000 persoas solicitaron a tarxeta dende a súa posta en funcionamento, no ano 2011. As tarxetas, segundo o procedemento habitual, expídense no momento, no Centro de Servizos Municipais, de 09:00 a 14:00 horas, previo abono da taxa municipal correspondente, de 3,09€.

Audio

  • O edil Miguel Fernández sobre a Tarxeta Cidadá | Descargar mp3
  • O edil Miguel Fernández sobre o Aprende Xogando | Descargar mp3

Noticias relacionadas