O ciclo de conferencias Desenterrar o Pasado, co que o Concello conmemora o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, reuniu a máis de 650 persoas

A programación, que contemplou 9 conferencias a cargo de expertos de primeiro nivel, terá como broche de ouro unha exposición, no Vello Cárcere, que recreará os últimos 30 anos de excavacións arqueolóxicas en Lugo

Venres, 15 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O ciclo de conferencias Desenterrar o Pasado. Un percorrido pola Arqueoloxía de Lugo, organizado polo Concello no primeiro semestre do ano para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, reuniu a máis de 650 persoas en distintas sesións no Vello Cárcere.

O arqueólogo municipal Enrique González foi o encargado de pechar onte esta programación, impulsada polo Goberno para poñer en valor o rico patrimonio arqueolóxico da cidade e a súa importancia dende o punto de vista histórico, así como contribuír a acadar os catro obxectivos fixados para o Ano Europeo do Patrimonio Cultural: compromiso, sostibilidade, turismo responsable e protección e innovación.

O ciclo, que contemplou 9 conferencias a cargo de expertos en arqueoloxía de primeiro nivel, dende a arqueoloxía lucense ata 1986 á xestión do patrimonio arqueolóxico na ciadade, pasando polo inicio das escavacións arqueolóxicas e a configuración da cidade romana, con charlas dedicadas á Casa dos Mosaicos, á Muralla, á Domus do Mitreo, ás Termas e ao Castro da Piringalla; terá como broche de ouro unha exposición, tamén no Vello Cárcere, que recreará os últimos 30 anos de excavacións arqueolóxicas en Lugo.

Esta iniciativa permitiu desenvolver un foro de análise e de diálogo entre os profesionais do sector (arqueólogos, xestores patrimoniais e guías) e a cidadanía en xeral no que se puxo en valor o traballo desenvolto no referente á recuperación do importante patrimonio arqueolóxico que atesoura a cidade.

Noticias relacionadas