Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O ciclo de conferencias Desenterrar o Pasado, co que o Concello conmemora o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, reuniu a máis de 650 persoas

O ciclo de conferencias Desenterrar o Pasado, co que o Concello conmemora o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, reuniu a máis de 650 persoas

A programación, que contemplou 9 conferencias a cargo de expertos de primeiro nivel, terá como broche de ouro unha exposición, no Vello Cárcere, que recreará os últimos 30 anos de excavacións arqueolóxicas en Lugo

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural
Venres, 15 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O ciclo de conferencias Desenterrar o Pasado. Un percorrido pola Arqueoloxía de Lugo, organizado polo Concello no primeiro semestre do ano para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, reuniu a máis de 650 persoas en distintas sesións no Vello Cárcere.

O arqueólogo municipal Enrique González foi o encargado de pechar onte esta programación, impulsada polo Goberno para poñer en valor o rico patrimonio arqueolóxico da cidade e a súa importancia dende o punto de vista histórico, así como contribuír a acadar os catro obxectivos fixados para o Ano Europeo do Patrimonio Cultural: compromiso, sostibilidade, turismo responsable e protección e innovación.

O ciclo, que contemplou 9 conferencias a cargo de expertos en arqueoloxía de primeiro nivel, dende a arqueoloxía lucense ata 1986 á xestión do patrimonio arqueolóxico na ciadade, pasando polo inicio das escavacións arqueolóxicas e a configuración da cidade romana, con charlas dedicadas á Casa dos Mosaicos, á Muralla, á Domus do Mitreo, ás Termas e ao Castro da Piringalla; terá como broche de ouro unha exposición, tamén no Vello Cárcere, que recreará os últimos 30 anos de excavacións arqueolóxicas en Lugo.

Esta iniciativa permitiu desenvolver un foro de análise e de diálogo entre os profesionais do sector (arqueólogos, xestores patrimoniais e guías) e a cidadanía en xeral no que se puxo en valor o traballo desenvolto no referente á recuperación do importante patrimonio arqueolóxico que atesoura a cidade.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-ciclo-de-conferencias-desenterrar-o-pasado-co-que-o-concello-conmemora-o-ano-europeo-do