Cristina López: “colocaranse elementos de protección para reducir ao máximo as posibilidades de contaxio”
As visitas durarán unha hora e precisarán de cita previa
- Tema

A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou que “coa declaración da Fase 1 da desescalada, o Goberno do Estado volve permitir visitas ao Cemiterio Municipal”. Segundo Cristina López, “desde a área de Participación preparamos un protocolo de seguridade nas visitas para reducir ao máximo as posibilidades de contaxio”.
O cemiterio terá un aforo máximo de 50 persoas por hora e dúas por unidade de enterramento. “Todas as persoas que desexen visitar o cemiterio deberán pedir cita previa no teléfono 982 297 303”, explicou Cristina López, que engadiu “poñeranse a disposición das visitantes elementos de protección, como luvas e solución hidroalcohólica, que serán de uso obrigatorio para acceder ás instalacións”.
A área de Participación limitará o horario dos enterramentos ás mañás, entre as 9 e as 14 horas, e estarán limitados a 15 persoas. As visitas realizaranse entre as 16 e as 19 horas. Non se permitirá o uso dos bancos e deberase respectar o distanciamento social de dous metros. Cristina López pediu ás veciñas e veciños “que utilicen as fontes e regadeiras de maneira responsábel para evitar difundir o virus”.