A nova programación de animación sociocultural dos 7 centros de convivencia do Concello beneficiará a máis de 2.000 usuarios

Ana González Abelleira presentou este venres as diferentes actividades que terán lugar dende o 31 de outubro ata o 31 de maio

Todos os interesados poden inscribirse dende o 19 ao 23 de setembro, de 09:00 a 13:00 horas, no centro de convivencia onde desexen realizar a actividade

Venres, 09 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A nova programación de animación sociocultural dos 7 centros de convivencia do Concello beneficiará a máis de 2.000 usuarios

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentou este venres no Salón de Plenos a nova programación de animación sociocultural dirixida a cativos e adultos, que o Concello organiza a partir do vindeiro mes de outubro. A entidade local oferta 2.228 prazas para participar nunhas 128 actividades diferentes, que se desenvolverán dende o 31 de outubro de 2016 ata o 31 de maio de 2017. Hai un 40% das prazas reservadas para persoas con diversidade funcional e outros colectivos.

Grazas a estes talleres os lucenses poderán facer cestería, bailes de salón, ximnasia, ioga, pintura ao óleo, encaixe de palillos, zumba, entre moitos outros máis. Os centros de convivencia tamén ofrecen actividades de caracter aberto, como club de lectura, tear tradicional dirixido a escolares ou óleo.

Esta programación inclúe, ademais de ditos obradoiros, cursos de castelán para persoas estranxeiras e aulas abertas para adultos. Os centros do rural tamén teñen o seu propio programa de actividades.

“É vontade deste Goberno, que traballa por e para as persoas, seguir priorizando o benestar social e que todos os veciños e veciñas, tanto nenos como maiores, sexan residentes en calquera barrio da cidade ou en calquera parroquia do rural poidan gozar das mesmas actividades e aproveitar as mesmas oportunidades”, subliñou durante a presentación González Abelleira, quen asegurou que con este obxectivo, o Concello propón á cidadanía un amplo abano de actividades lúdicas, socioeducativas e físicas.

A Concelleira asegurou que “a nosa obriga é facer real a igualdade de oportunidade e dereitos, independentemente das posibilidades económicas e do lugar de residencia. Ese é o verdadeiro motivo da continuidade destas actividades, que ademais facilitan a relación entre a veciñanza”.

González Abelleira amosou a súa satisfacción pola acollida e participación que sempre lle brinda Lugo a esta iniciativa, “que impulsamos co único fin de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, poñendo á disposición da cidadanía os espazos públicos, como os centros de convivencia da cidade e os de dinamización do rural".

Máis de 2.000 prazas e 7 centros de convivencia

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social oferta 128 obradoiros e máis de 2.000 prazas para estas actividades, máis dun cento para nenos e nenas e o resto para persoas adultas. Esta programación engloba en total máis de 5.700 horas de lecer. O centro de convivencia Maruja Mallo ofrece 489 prazas, seguido do de Fingoi, con 386 e o da Milagrosa, con 344. O resto de prazas divídese entres os centros Uxío Novoneyra (387), Lamas de Prado (279), María Balteira (248) e Sagrado Corazón (95).

Datas e prazos

Todos os interesados en participar nalgunha destas actividades poden inscribirse dende o 19 ao 23 de setembro, de 09:00 a 13:00 horas, no centro de convivencia no que desexen practicar algunha das actividades propostas polo Concello. O sorteo de prazas terá lugar o 6 de outubro, ás 11:00 horas. Posteriormente, publicarase a lista de admitidos e admitidas e abrirase o período de pagamento da cota, dende o 6 ao 14 de outubro. As listas definitivas publicarase o 24 de outubro. O prazo de inscrición para Aulas Abertas e Castelán para estranxeiros será o 9 e 10 de novembro, e do 14 ao 18 de novembro, respectivamente.

O custe das actividades vai dende a súa gratuidade ata unha cota anual de case 20 euros.

Máis información na web www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

+INFO

  • Ana Abelleira, sobre a nova programación de animación sociocultural dos sete centros de convivencia | Descargar mp3
  • Programación Animación Sociocultural 2016/2017 | Descargar pdf

Noticias relacionadas