O alcalde de Lugo participou na inauguración das Xornadas Nacionais de Patrimonio Cultural da Igrexa, que organizan a Conferencia Episcopal Española e a Diocese de Lugo.
O rexedor se referiu aos tres patrimonios da humanidade, amais de á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, celebrada onte, recoñecida hai días como BIC.
Na súa intervención, Miguel Fernández destacou a singularidade de que “en Lugo todos os días é Ano Santo” ao tempo que salientou outras celebracións como a Semana Santa.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou hoxe na inauguración das Xornadas Nacionais de Patrimonio Cultural da Igrexa, que este ano se celebran na cidade, baixo a organización da Conferencia Episcopal Española e a Diocese de Lugo e que alcanzan a súa edición número 43. Durante o acto de apertura deste evento, no que participan conferenciantes expertos en patrimonio cultural e relixioso de todo o país, o alcalde salientou a “posibilidade que brinda de mostrar toda a riqueza patrimonial, cultural e eclesiástica que ofrece a nosa cidade”, facendo especial fincapé na singularidade de Lugo “como a única cidade na que todos os días é Ano Santo pola exposición permanente do Santísimo Sacramento”, ou a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que se celebrou onte mesmo, “e que desde hai uns días conta coa distinción de Ben de Interese Cultural, outorgando un recoñecemento a esta tradición instaurada desde 1669”.
Na apertura destas xornadas nacionais, que se desenvolverán en Lugo desde hoxe e ata o vindeiro xoves, 3 de xullo, o rexedor municipal tamén falou doutros reclamos de gran tradición relixiosa da cidade, como é a súa Semana Santa, declarada festa de Interese Turístico Galego ou a festa do Corpus Christi. Miguel Fernández fixo un especial fincapé nos tres patrimonios da humanidade que reúne Lugo, explicando como “a Muralla Romana é a única do mundo que se conserva íntegra e cuxo adarve é transitable na súa totalidade; a Catedral de Santa María, a cal alberga a Exposición Permanente do Santísimo Sacramento, e o Camiño Primitivo, a primeira ruta de peregrinación da historia, a máis antiga, pois as súas orixes datan do século IX”.
Durante a súa intervención deu a benvida a todos aqueles visitantes procedentes doutros puntos do país para tomar parte nestas xornadas, aos que desexou “que gocedes da vosa estancia en Lugo e que, a partir deste encontro, convertádesvos en embaixadores de todo o bo que ofrece a nosa cidade”. Neste sentido, puxo en valor o feito de que o municipio de Lugo estea integrado na súa totalidade na Reserva da Biosfera Terras do Miño, a segunda máis grande da Península Ibérica”.

