Medio Rural inviste 136.000 euros en dotar a parroquia de Adai da traída pública de auga

A Xunta de Goberno Local adxudicaba hoxe os traballos, que terán un prazo de execución de 5 meses e beneficiarán ao redor dun cento de veciñas e veciños.

A intervención permitirá estender a rede de abastecemento aos núcleos de Adai, As Cancelas, Vilamaior e Portomeilán.

Na sesión desta semana concedéronse, alén, 6 licenzas urbanísticas cuantificadas en 472.000 euros.

Mércores, 24 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural inviste 136.000 euros en dotar a parroquia de Adai da traída pública de auga

O executivo de Lara Méndez, a través da área de Medio Rural, destinará 136.004 euros a dotar de rede de abastecemento a parroquia de Adai.

A Xunta de Goberno Local adxudicaba hoxe os traballos á empresa Mdeymet Desarrollos y Metas S.L, que disporá de cinco meses para levalos a cabo.

O edil responsable, Miguel Fernández, explicou que “con esta actuación, que beneficiará ao redor dun cento de veciñas e veciños, o que se pretende é continuar estendendo progresivamente un servizo básico e esencial, como é a distribución de auga potable, ao conxunto do municipio”.

“Trátase dun compromiso adquirido hai tempo que agora se concreta co dobre obxectivo de atender ás demandas da cidadanía pero tamén de acadar que, pouco a pouco, a zona rural e a urbana se equiparen en canto a infraestruturas públicas”, engadiu o concelleiro.

Nesa mesma liña, Miguel Fernández deu conta tamén de que, na sesión desta mañá, foi outorgada á empresa Cholo S.L a obra para mellorar os accesos en Fazai – Farxocos e en Outeiro, con cargo ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais cofinanciado co FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural). Unha intervención que terá un custo de 63.142 € e que deberá estar finalizada en tres meses.

“As tarefas contratadas consisten no acondicionamento e rexeneración do firme námbalas dúas vías para garantir, por unha banda a súa conservación pero co fin de incrementar, igualmente, a seguridade viaria da veciñanza nos seus desprazamentos pola contorna”, salientou o edil de Medio Rural.

As licenzas urbanísticas aprobadas esta semana xeran un investimento de 472.000 euros.

Por outra banda, esta semana o equipo de goberno aprobou 6 licenzas urbanísticas que no seu conxunto promoven un investimento na cidade de 472.000 euros.

Entre as actuacións autorizadas figuran varias modificacións en execución de obra nun inmoble da rúa Chantada (200.011 €) e os cambios de distribución noutros dous da Praza de Augas Férreas (13.610€) e da Milagrosa (2.768 €), así como as ampliacións dunha vivenda unifamiliar na Louzaneta (40.205 €) e da zona de carga e melloras tecnolóxicas nunha fábrica de pensos do Ceao (156.269 €).

Tamén foi validada a substitución dun ascensor e a reforma do portal para a supresión de barreiras arquitectónicas nun edificio da rúa Dinán (59.494 €).

Audio

  • O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre a adxudicación do abastecemento na parroquia de Adai | Descargar mp3

Noticias relacionadas