Mañá ábrese a votación popular para seleccionar o cemiterio de Lugo como mellor monumento fúnebre

O mausoleo neogótico situado á entrada do camposanto foi seleccionado como finalista da primeira fase do Concurso de Cemiterios de España. Os cidadáns poderán votar a través de www.revistaadios.es ata finais de setembro

Xoves, 09 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Mausoleo neogótico de Lugo

Unha vez que o cemiterio municipal de San Froilán foi seleccionado como finalista da primeira fase do Concurso de Cemiterios de España, na modalidade de mellor monumento arquitectónico funerario, mañá venres ábrese a segunda fase, unha votación popular para que sexa a cidadanía a que elixa o gañador. Os interesados poderán votar a través da web www.revistaadios.es ata finais de setembro e os resultados coñeceranse na primeira quincena de outubro.

O mausoleo neogótico situado á entrada do camposanto lucense, unha das construccións máis emblemáticas do recinto, opta a este certame, organizado pola revista Adiós Cultural, financiada e editada por Funespaña, que ten como obxectivos a potenciación de actividades culturais en torno aos cemiterios, a posta en valor do patrimonio funerario e a súa divulgación.
O concurso consta de dúas fases. Na primeira é un xurado integrado por especialistas en arte e servicios funerarios quen valora, dentro de cada categoría ou modalidade, os valores artístico, histórico, social, singularidade, grao de conservación... de cada unha das construccións ou propostas presentadas. Nesta fase é na que o Mausoleo Neogótico do Cemiterio de San Froilán resultou finalista, xunto con outros nove monumentos do resto do Estado.
Na segunda fase, que arranca mañá, estas dez propostas sométense á votación pública a través da revista www.revistadios.es con obxecto de que a cidadanía poida elixir entre esta selección previa do xurado a que será a finalista.

De mediados do XIX
O mausoleo neogótico do cemiterio de San Froilán data da segunda metade do século XIX, sendo construído arredor do 1870 aproximadamente. Pasou a formar parte do patrimonio municipal no ano 2012, mediante unha cesión da familia de Armando Durán Miranda, persoa moi vinculada con este Concello, que ostentou a titularidade da concesión administrativa daquel ata o seu falecemento.
Este monumento presenta características propias da arquitectura historicista cunha marcada tendencia ao estilo neogótico e a súa construcción atribúese a Cobreros, arquitecto lucense que liderou a actividade constructiva da época marcando as liñas das novas tendencias arquitectónicas.
Como características relevantes desta construcción destacan o arco oxival da fachada principal decorado con rosetas (recurso artístico de orixe romana, posteriormente recuperado no Renacemento e no Barroco) e enmarcado con pilastras coronadas por capiteles que imitan a decoración propia do estilo corintio. Os vans laterais aparecen encadrados nun arco oxival subdividido por pilastras con capiteis de inspiración corintia que sosteñen un óculo adoviado con motivos de flor de lis.

Noticias relacionadas