Lugo e Vigo abren vías de diálogo fluídas para afrontar retos comúns como o financiamento local

A Alcaldesa lucense e o rexedor vigués mantiveron unha reunión de traballo na que abordaron a necesidade de máis recursos económicos para as entidades locais, o teito de gasto e a limitación de contratación de persoal municipal

A gratuidade do aparcamento nos hospitais é outra reivindicación de ambos concellos, que comparten a prioridade polas políticas sociais, de emprego e de contacto cos cidadáns

Mércores, 13 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo e Vigo abren vías de diálogo fluídas para afrontar retos comúns como o financiamento local

A Alcaldesa de Lugo e o rexedor de Vigo, Lara Méndez e Abel Caballero, abriron este mércores, coa primeira visita institucional do mandatario vigués á cidade lucense, vías de diálogo “con vocación de fluidez e de continuidade” para afrontar problemas e retos comúns a ambas cidades, como son a necesidade dun novo modelo de financiamento local que permita aos municipios asumir as súas competencias e prestar servizos de calidade; o teito de gasto; a taxa de reposición de persoal que limita a contratación ou a clarificación das competencias das entidades locais.

Así o destacaron ambos Alcaldes nunha comparecencia pública ao finalizar a súa reunión de traballo, na que participaron tamén a primeira tenente de Alcalde e Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o segundo tenente de Alcalde vigués, David Regades, e o Concelleiro de Xestión Municipal, Javier Pardo, xunto ao voceiro municipal de Lugo, Miguel Fernández.

A rexedora de Lugo destacou a importancia da visita de Caballero para abordar problemas comúns dado que se trata “dun gran coñecedor das administracións locais, un gran convencido da súa importancia e un gran defensor das mesmas, algo que fai moi ben dende o seu papel na Federación Española de Municipios e Provincias, tanto nos seus cargos anteriores, como agora como presidente”.

Ademais da necesidade de mellorar o modelo de financiamento local, as limitacións na contratación ou a clarificación de competencias, Méndez e Caballero teñen en común, entre outras cuestións, “a defensa do público e a recuperación dos espazos públicos”, subliñou a Alcaldesa referíndose á reivindicación que durante anos veñen facendo o Concello e os veciños de Lugo para que o párking do HULA sexa gratuíto. A rexedora lembrou que no último Pleno a Corporación aprobou por unanimidade esixir á Xunta a gratuidade do aparcamento e, mentres tanto, que rebaixe a tarifa á metade.

Lugo tamén “se mira no espello de Vigo”, asegurou Lara Méndez, nas xestións para conseguir novos usos para ao antigo Hospital Xeral tras a apertura do Álvaro Cunqueiro. “Foron quen de facer en cinco meses algo polo que nós levamos loitando cinco anos: que a Xunta dote de servizos á Residencia, tal e como prometeu Feijóo e o seu Goberno durante anos, unhas promesas que incumpren ano tras ano porque non cren no público, non cren na sanidade, nin na dotación dos servizos que temos pendentes no HULA, Hemodinámica 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia, nin tampouco cren nos lucenses. Non sabemos o que lles fixemos para que a Xunta nos estea dando as costas ano tras ano con incumprimentos de promesas que eles mesmos fixeron”.

Participacións nos ingresos das autonomías
Pola súa banda, o Alcalde de Vigo avanzou que o vindeiro luns reunirase como presidente da FEMP co Ministro de Hacienda en funcións, Cristóbal Montoro, para tratar o financiamento local, o teito de gasto e a taxa de reposición de efectivo locais. “Temos que atender moi a fondo o financiamento dos concellos. Estamos sendo a administración que está lexitimando toda a política do Estado dende a nosa propia acción, atendendo, visualizando e levando adiante a política nesta crise tan dura. Aportamos medio punto de PIB de superávit, mentres as comunidades autónomas e o Goberno do Estado aumentan o déficit con respecto ao previsible. Por elo, voulle plantexar a Montoro que de ningún modo pode seguir esto así. Non podemos ser a administración máis dinámica, con máis capacidade e a que mellor está entendendo a política e os cidadáns, e que esteamos deixados do financiamento dende o Ministerio de Hacienda, pero tamén dende a Xunta e as comunidades autónomas”.

Desta forma, Caballero indicou que esixirá “unha participación dos concellos nos ingresos das comunidades autónomas”, como ocorre na Junta de Andalucía. “Vamos a facer unha revolución municipalista, que xa estamos facendo os alcaldes e presidentes de diputación socialistas”, engadiu.

Por outra banda, o rexedor vigués destacou que “Lugo e Vigo se perfilan na vangarda da investigación da industria aeronáutica, sector cunha capacidade de crecemento impredecible e cunha gran capacidade tecnolóxica e de innovación. Temos que ser os alcaldes os que nos poñamos á fronte disto. É un campo de cooperación moi importante”, sinalou.

Ademais da necesidade de poñer en común proxectos municipais por parte de dúas cidades “que destacamos en política social, política de emprego e contacto cos cidadáns”, sendo “modelos que España está copiando”, Abel Caballero subliñou que Vigo estuda o proceso que seguiu Lugo para conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade, pois a cidade olívica prepara a candidatura das Illas Cíes como patrimonio medioambiental da humanidade.

Caballero subliñou que Lara Méndez “é unha gran alcaldesa, que ten un enorme recorrido político, unha gran capacidade de levar adiante unha cidade, un proxecto claro e ben definido, moi consistente, mirando de forma nítida cara o emprego como primeiro obxectivo e a política social colocada ao lado, ademais de potenciar o turismo e o desenvolvemento das potencialidades da cidade”.

Noticias relacionadas