López Orozco participa na inauguración da nova Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC

O Reitor Juan Viaño chama en Lugo á colaboración de institucións e industrias na apertura da planta piloto do sector lácteo mellor dotada de España e de Latinoamérica

Luns, 01 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde en funcións, José López Orozco; o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente en funcións, Luis Álvarez, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación en funcións, Lara Méndez, xunto con outras autoridades como a Conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e a subdirectora Xeral de Control e de Laboratorios Alimentarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Cristina Clemente Martínez, asistiron hoxe ó acto de inauguración das novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC situadas no polígono lugués, que correu a cargo do Reitor da Universidade, Juan Viaño.

A posta en marcha das novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, a planta piloto do sector lácteo mellor dotada de España e de Latinoamérica que conta con dotacións e equipamentos tecnolóxicos de vangarda entre os que están practicamente todas as tecnoloxías para a elaboración de produtos lácteos a escala semi-industiral, constitúe un novo impulso a través do que a USC colaborará coas industrias agrarias e alimentarias no desenvolvemento de innovacións tecnolóxicas.

A inauguración das novas instalacións coincide tamén co comezo dunha nova etapa dun centro universitario de I+D+i nado hai preto dun cuarto de século con vocación docente e de servizos, segundo indicou este luns o reitor da USC. Juan Viaño sinalou que esta nova etapa trae un cambio de denominación da estrutura organizativa da primitiva Aula de Produtos Lácteos.

A denominación de Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias denota a pretensión da USC por ampliar as liñas de traballo deste centro, alén do sector lácteo, a outros ámbitos do sector agroalimentairo, a fin de facer así máis competitivas ás empresas e tamén aos sectores produtivos relacionados, en aras de favorecer o progreso social e económico do país, explicou Viaño.

A USC asume a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias como un proxecto singular que vai gozar dun decidido apoio institucional para facer desta plataforma tecnolóxica un dos faros que iluminen o futuro do Campus Terra, sinalou Viaño. O reitor da USC engadiu que o proxecto de especialización para campus de Lugo denominado Campus Terra e desenvolvido en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, aspira a facer de Lugo un referente do coñecemento do sector agroalimentario.

A apertura das novas instalacións da APLTA da USC, cuxa superficie triplica as existente no anterior emprazamento, coincide cunha reforma da estrutura organizativa do centro e coa ampliación das potenciais liñas de traballo, segundo indicou o director da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Agroalimentarias. Enrique Arbones, que sucede no cargo a Juan Méndez Dónega, sinalou docencia, investigación, desenvolvemento de novos produtos, asistencia a empresas e institucións e formación como campos de traballo da APLTA.

Multimedia

Noticias relacionadas