Lara Méndez participa nas visitas técnicas ás vivendas da Milagrosa e o barrio Feijoo, necesarias para avanzar na rexeneración das zonas

Acompañada de técnicos da adxudicataria do contrato que elabora o diagnóstico, a rexedora participou na recollida de información, porta a porta, sobre necesidades e suxestións.

“A recuperación de inmobles e espazos públicos da área máis populosa de Lugo é unha prioridade desde o mandato pasado”, dixo Méndez, que realiza un seguimento persoal da estratexia.

Entre as actuacións previstas, alén de mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, figura a creación dunha senda verde de conexión do barrio co centro histórico.

A memoria resultante dos traballos de campo sustentará a solicitude de Contorna Residencial de Rehabilitación Programada para poder concorrer ás axudas europeas.

Sábado, 18 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 Lara Méndez participa nas visitas técnicas ás vivendas da Milagrosa e o barrio Feijoo, necesarias para avanzar na rexeneración das zonas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou esta semana no inicio das visitas, porta a porta, nas vivendas da Milagrosa e Feijóo, acompañando aos técnicos do estudo de arquitectura GAU, empresa adxudicataria, para recoller as necesidades da veciñanza, desenvolver un diagnóstico e propoñer as melloras de rexeneración urbanística.

Traballos de información e de escoita cidadá necesarios para elaborar a memoria que sustentará a solicitude de Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) para estas zonas, a nova denominación do que antes se coñecía como Arru ou Ari.

A rexedora lembrou que “adquirín un compromiso coa veciñanza de realizar un seguimento persoal desta estratexia e dos traballos encamiñados á rehabilitación destas zonas degradadas polo paso do tempo e que necesitan de actuacións urxentes de mellora. E agora ábrese unha oportunidade importantísima cos fondos europeos que debemos aproveitar”. O obxectivo é rematar coa degradación urbanística e social e incrementar a calidade de vida a través de solucións que melloren o ámbito público, e tamén as vivendas e edificacións desde un punto de vista da eficiencia enerxética e da confortabilidade e que axuden a dinamizar esta parte da capital.

Lara Méndez leva tempo traballando nesta transformación pero houbo que agardar á entrada en vigor dos últimos cambios normativos para participar nas axudas do Plan de Recuperación que “nos permitirá actuar con maiores recursos e celeridade” para proseguir con accións, executadas desde o mandato pasado, como a recuperación de xardíns e prazas na Milagrosa, na peonalización de rúas e espazos públicos, que foron mellorados, na apertura de prazas gratuítas de aparcadoiros disuasorios, ou na apertura de novos equipamentos municipais como o centro interxeracional Paco Martín.

 “Pero agora damos un paso máis aló para a rexeneración integral dun barrio que experimentou un deterioro progresivo estreitamente relacionado co crecemento construtivo e comercial que rexistrou a zona sur da cidade polo que, chega o momento de acelerar a reversión desta situación”.

Durante as visitas ás vivendas, que continuarán durante as vindeiras semanas, a alcaldesa e o equipo técnico explicaron a estratexia de rehabilitación e como se pode participar nela, e avanzaron que será o Concello quen se encargará da xestión das axudas para facilitarlle os traballos á veciñanza. Así mesmo, Méndez explicou que entre as actuacións previstas, alén de mellorar a eficiencia enerxética das edificacións, figura a creación dunha senda verde de conexión do barrio co centro histórico. “O plan final incorporará as suxestións que os residentes, que nos están a achegar”, comentou.

Ademais do labor informativo e das enquisas porta a porta, os traballos se complementarán con reunións coa veciñanza nun traballo intenso de participación cidadá así como doutras accións de difusión desta estratexia do Concello, que serán claves para que “ningunha persoa se quede sen poder actuar na súa vivenda por non ter coñecemento desta oportunidade”.

Este traballo de campo busca a implicación e colaboración para acceder ao interior dos inmobles, sendo esta a mellor maneira de comprobar con veracidade a situación dos mesmos e poder determinar as obras que precisan e, por tanto, as propostas individuais para cada un.

Ademais, o equipo redactor deberá indicar o custo estimado das intervencións previstas, encamiñadas ao aforro e eficiencia enerxética, e elaborar senllas memorias sobre a idoneidade técnica e sobre a viabilidade económica, xa que analizará a rendibilidade e o equilibrio entre os beneficios e as cargas derivadas da actuación para os propietarios”.

Noticias relacionadas