Lara Méndez marca a estratexia a seguir na prevención e tratamento das adiccións na etapa post Covid co IV Plan de Drogodependencias

A alcaldesa de Lugo e o concelleiro de Xuventude presentaron hoxe o documento, elaborado polos técnicos do Servizo Municipal de Prevención, que inclúe as liñas de actuación a seguir até o 2025.

A rexedora referiu a mellora do recinto de Street workout das Costas do Parque, o impulso da arte urbana para embelecer espazos ou a creación do Skate Park cos que se fomentou un ocio alternativo a hábitos como o das redes sociais que aumentaron na pandemia.

A área que dirixe Maurcio Repetto traballa agora no deseño dunha liña de actividades de lecer, atractivas para a mocidade, que poidan chegar a transformarse nunha saída laboral.

Luns, 26 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez marca a estratexia a seguir na prevención e tratamento das adiccións na etapa post Covid co IV Plan de Drogodependencias

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o IV Plan de Drogodependencias do Concello de Lugo.

“Un documento co que – explicou – pretendemos organizar todos os servizos asistenciais dos que dispón a Administración local no eido educativo, social, sanitario, formativo e informativo para tratar e, sobre todo, prever as adiccións na medida das nosas capacidades e competencias”, afirmou Méndez que destacou a “transcendencia desta ferramenta na etapa da postpandemia na que debemos incidir en reconducir, entre todas e todos, determinados comportamentos que comprometen a seguridade e a saude dos máis novos pero tamén do conxunto da sociedade e, moitas veces, do patrimonio”.

A rexedora acudiu esta mañá á cancha de baloncesto situada na rúa Río Mandeo, acompañada do edil de Xuventude, Mauricio Repetto para dar conta tanto do traballo realizado até o momento, ao abeiro do Plan que vén de finalizar, como para anunciar a folla de ruta que se porá en marcha no período que agora se abre e que abrangue até o ano 2025.

Un espazo escollido por ser este o escenario dunha das actuacións desenvolvidas nos últimos meses nos que a concellería interveu para adaptalo e facelo atractivo ao público xuvenil co acondicionamento da pista onde o artista Iago Eireos, de Espaciolupa, pintou un graffiti tratando de impulsar así a práctica deportiva como actividade de ocio alternativo entre a mocidade, en detrimento doutros hábitos que se impuxeron durante a crise sanitaria como pode ser o uso das redes sociais.

“Acción que se completa co incremento dos elementos de ximnasia que puxemos a disposición da rapazada no recinto de exercicios de street workout que hai nas Costas do Parque, coa creación do novo Skate Park e con múltiples accións de concienciación entre o público máis xove a pé de aula, pero tamén na rúa, dende as dependencias municipais e tratando de dar alcance aos núcleos familiares, mesmo nos domicilios, con múltiples propostas telemáticas e virtuais”, sinalou Lara Méndez.

“O noso obxectivo é instaurar estilos de vida positivos e saudables nos que as drogas non teñan cabida. E para iso é necesario coordinar todas as actuacións que se realicen na cidade en relación coa prevención das drogodependencias. Un labor que inclúe a sensibilización e mobilización da sociedade para xerar unha cultura de rexeitamento ás drogas mediante o fomento dos seus propios valores e recursos”, engadiu a alcaldesa.

A rexedora subliñou que resulta un motivo de especial preocupación o traballo en materia de concienciación “porque consideramos que canto maior sexa o coñecemento e a información máis libremente poderán decidir. E loitamos porque esa decisión sexa un NON rotundo ás drogas”, sostivo Lara Méndez.

Nese sentido, a alcaldesa lucense indicou que dende o Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias se executaron toda unha serie de programas e actividades, en función do ámbito de aplicación, sinalando nomeadamente:

  • O ámbito da Escola: formando ao alumnado na toma de decisións responsables, impulsando os centros educativos como espazos libres de drogas, presentando materiais e propostas educativas e orientando aos titores para saber actuar ante posibles situacións de consumo. Para o que se artellaron plans de acción conxunta co profesorado, se organizaron concursos educativos, creativos, que fomentaran valores e estilos de vida saudables nos que tamén se implicou ás nais e pais, con talleres de reflexión, outros monográficos sobre substancias así como a edición de folletos informativos e de material audiovisual para expoñer na aula.

“A principios de cada curso, o servizo de prevención oferta aos centros todo este tipo de accións e, ano tras ano, fomos capaces de dar resposta ao 100% da demanda recibida para o asesoramento dende a etapa infantil até BAC ou FP”, abondou a alcaldesa.

  • O ámbito da Familia: no que se aposta por sensibilizar e informar sobre pautas educativas en relación coas drogas e como intervir cando detecten algún consumo problemático, así como derivar situacións máis complexas e fomentar un ocio san familiar e marital. A este respecto se habilitaron espazos nos que se desenvolveron charlas, unha escola de nais e pais, se prestou atención individualizada e se procedeu á elaboración de publicacións e á organización de mesas redondas, xornadas e congresos chegando a realizarse, no seu momento, sesións conxuntas para clarificar e resolver problemas mediante técnicas cognitivas, sistémicas e condutuais nas que traballar as emocións, a motivación e as habilidades comunicativas entre proxenitores e fillos.
  • O ámbito da Comunidade: sendo, sen dúbida, un dos máis importantes pola influenza que os comportamentos sociais teñen nas condutas individuais. As estratexias empregadas neste caso se orientaron a minimizar os danos que se causan na vía pública a causa da inxesta de alcohol, controlar as condicións dos locais nocturnos, concienciar sobre o risco que entraña o consumo de drogas e ofertar un ocio inclusivo, aumentando a programación de actividades no tempo libre para a rapazada de entre 12 e 17 anos e até os 35. Para levalas a cabo o Concello contou coa subvención do Plan Nacional sobre Drogas ao abeiro do que se puxeron en marcha, entre outras, as actividades do +Xti!

Xa en canto ao novo Plan, o IV que elabora o Concello de Lugo, a alcaldesa lucense asegurou que “manifesta o compromiso adquirido polo Goberno na procura de solucións, alternativas e estratexias que permitan abordar de forma axeitada os problemas derivados do uso e abuso de substancias nocivas para a saúde. Para iso, na súa elaboración favorecemos a máxima participación de entidades e administracións co fin de asegurar unha análise da situación exhaustiva. Cun obxectivo moi claro: contribuír ao desenvolvemento san e seguro das crianzas e da mocidade e á reducción do consumo de drogas ilegais”, indicou Lara Méndez.

A rexedora fixo fincapé no feito de que a Covid transformou os hábitos de comportamento da sociedade e a realidade nos di que a prevención debe enfrontarse agora a novos retos: novas formas de adicción sen substancia, a aceptación social e aparente visión de normalidade fronte ao consumo de alcohol e cannabis por parte dos menores, as presións cara a legalización desta, a aparición continua de novos psicoactivos, as novas formas de relación como son as redes sociais, etc, polo que as nosas estratexias se encamiñarán a tratar de reducir a demanda, é dicir, a previr o consumo e a práctica de todo o que produza dependencia, e que poida implicar danos á persoa que as usa e ao seu entorno a curto, medio ou longo prazo”, aseverou Lara Méndez.

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, referiu así que o Servizo Municipal de Prevención traballa no deseño dunha programación que teña en conta todo este contexto social para evitar que se cronifiquen condutas susceptibles de crear dependencia. “Para o que poremos en marcha programas preventivos e educativos que actúen directamente na erradicación e/ou redución dos factores de risco e na potenciación dos factores de protección, sendo o obxectivo final a disuasión da experimentación e a promoción da saúde como un valor básico”.

“Temos que adoptar unha perspectiva máis ampla: a dimensión social, dende a que se integren as intervencións educativas, laborais, médicas, psicolóxicas, políticas e xudiciais. Unha misión na que resulta preciso exercitar unha responsabilidade compartida e acadar a implicación de toda a sociedade”, asegurou o edil.

Repetto Morban avanzou que, nas próximas anualidades, se manterá aquela programación municipal que require de continuidade para garantir a súa eficacia coa vantaxe de que se trata de accións que, “gozan tamén de moita aceptación entre o público, como pode ser o +Xti!

“Ademáis incidiremos no ocio saudable, en crear alternativas formativas e lúdicas que substitúan outras conductas nocivas e contraproducentes. Estamos a deseñar unha liña de actividades que, sendo de lecer, poida chegar a transformarse nunha saída laboral. A nosa pretensión é traer profesionais de prestixio que esperten o interese en determinados nichos de traballo como poden ser os derivados da industria do cine e a música para trasladar que algunhas prácticas de ocio poden profesionalizarse e ser un camiño ao emprego”, relatou o concelleiro que fixo alusión a iniciativa Urban Cores a través da que se promove a integración de colectivos en exclusión social a través da arte urbana.

“Priorizaremos ademais o deporte como eixo de dinamización e de prevención en tanto debemos ser moi conscientes de que a crise sanitaria resultou moi restritiva para a socialización, tan necesaria na xuventude, ocasionando maiores conflitos no seo familiar, nunha etapa da vida que, de por sí, xa resulta moi complexa, e agora cómpre aproveitar a nova realidade que temos, cos seus límites incluídos, para reconducir determinadas condutas e acadar que a mocidade atope, fóra do consumo de substancias e doutros hábitos adictivos, formas de expresarse, de canalizar as súas emocións e sentimentos e outro tipo de entretementos que lles permitan compartir experiencias coas súas amizades sen que estas resulten prexudiciais para sí mesmos e para os seus achegados”, concluíu o edil.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o IV Plan Drogodependencias | Descargar mp3
  • O concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, sobre o IV Plan de Drogodependencias | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez marca a estratexia a seguir na prevención e tratamento das adiccións na etapa post Covid co IV Plan de Drogodependencias

Noticias relacionadas