A Escola de Música tamén vén de consolidarse unha vez regularizada a situación laboral dos músicos para exercer como docentes.
Se crearon, alén, bolsas de emprego en varias categorías de instrumentos para atender as necesidades que vaian xurdindo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, efectivizaron esta mañá a toma de posesión do novo Director da Banda Municipal de Música.
Con este trámite oficialízase así o nomeamento de David Fiuza no cargo, poñendo fin á provisionalidade que, a este respecto, viviu a formación municipal nos últimos anos.
O músico de Vila de Cruces obtivo a praza tras participar no proceso selectivo convocado pola área de Recursos Humanos, unha oposición de acceso libre na que se esixía como requisito imprescindible a titulación superior de Música ou equivalente na especialidade de dirección de Orquestra, expedido polo Conservatorio Oficial de Música.
A rexedora local felicitou a David Fiuza pola obtención da praza e deulle á benvida ao Concello de Lugo e á Banda Municipal, ao tempo que puxo en valor os pasos dados polo Goberno local, dende a área de Persoal, para consolidar tanto o futuro da Banda como o da Escola de Música. “Ofrecendo, así, unha estabilidade aos propios traballadores - que actualmente teñen regularizada a súa situación laboral – o que reverterá alén no futuro deste centro que tantas satisfaccións e tan bo servizo leva dado dende o ano 2012 cando se puxo en marcha”.
“Hoxe é un día moi positivo, non só para a Administración local senón tamén para toda a cidadanía lucense, porque se incorpora a esta Institución un director de sobrada experiencia e gran prestixio profesional que, estamos seguros, co devir do tempo se verá incrementada e lle conferirá maior proxección se cabe, pero porque tamén volveremos ver e gozar da nosa Banda actuando de novo e recuperando o que era o seu ritmo de actividade habitual que tanto botamos en falta esta tempada”, puntualizou Lara Méndez.
Dentro do impulso que dende o Executivo se lle deu á Banda e á Escola de Música nos últimos meses figura, igualmente, a creación e publicación de bolsas de emprego en varias categorias de instrumentos. Pódense consultar na web do Concello de Lugo. (http://concellodelugo.gal/gl/bolsas-emprego).