Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez efectivizou esta mañá a toma de posesión de David Fiuza como novo Director da Banda Municipal de Lugo

Lara Méndez efectivizou esta mañá a toma de posesión de David Fiuza como novo Director da Banda Municipal de Lugo

A Escola de Música tamén vén de consolidarse unha vez regularizada a situación laboral dos músicos para exercer como docentes.

Se crearon, alén, bolsas de emprego en varias categorías de instrumentos para atender as necesidades que vaian xurdindo.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Música,
    • Emprego público
Mércores, 21 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez efectivizou esta mañá a toma de posesión de David Fiuza como novo Director da Banda Municipal de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, efectivizaron esta mañá a toma de posesión do novo Director da Banda Municipal de Música.

Con este trámite oficialízase así o nomeamento de David Fiuza no cargo, poñendo fin á provisionalidade que, a este respecto, viviu a formación municipal nos últimos anos.

O músico de Vila de Cruces obtivo a praza tras participar no proceso selectivo convocado pola área de Recursos Humanos, unha oposición de acceso libre na que se esixía como requisito imprescindible a titulación superior de Música ou equivalente na especialidade de dirección de Orquestra, expedido polo Conservatorio Oficial de Música.

A rexedora local felicitou a David Fiuza pola obtención da praza e deulle á benvida ao Concello de Lugo e á Banda Municipal, ao tempo que puxo en valor os pasos dados polo Goberno local, dende a área de Persoal, para consolidar tanto o futuro da Banda como o da Escola de Música.  “Ofrecendo, así, unha estabilidade aos propios traballadores - que actualmente teñen regularizada a súa situación laboral – o que reverterá alén no futuro deste centro que tantas satisfaccións e tan bo servizo leva dado dende o ano 2012 cando se puxo en marcha”.

“Hoxe é un día moi positivo, non só para a Administración local senón tamén para toda a cidadanía lucense, porque se incorpora a esta Institución un director de sobrada experiencia e gran prestixio profesional que, estamos seguros, co devir do tempo se verá incrementada e lle conferirá maior proxección se cabe, pero porque tamén volveremos ver e gozar da nosa Banda actuando de novo e recuperando o que era o seu ritmo de actividade habitual que tanto botamos en falta esta tempada”, puntualizou Lara Méndez.

Dentro do impulso que dende o Executivo se lle deu á Banda e á Escola de Música nos últimos meses figura, igualmente, a creación e publicación de bolsas de emprego en varias categorias de instrumentos. Pódense consultar na web do Concello de Lugo. (http://concellodelugo.gal/gl/bolsas-emprego [1]).


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-efectivizou-esta-mana-toma-de-posesion-de-david-fiuza-como-novo-director-da-banda

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/gl/bolsas-emprego