Lara Méndez: “A cidade sae reforzada co compromiso que o tecido produtivo amosou co Fondo Lugo Transforma para captar empresas”

Co respaldo de Lence, Norvento Enerxía, Torre Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa o capital inversor do Fondo municipal ascende de 12 a 13 millóns de euros.

A rexedora agradece o seu apoio e pon en valor a unión das empresas locais máis recoñecidas que “ao igual que os e as lucenses se converterán en accionistas de proxectos innovadores”.

A alcaldesa anuncia que o día 27 deste mes se celebrará a primeira reunión da Comisión de Investimentos, onde se estudarán os primeiros catro proxectos.

Xoves, 14 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “A cidade sae reforzada co compromiso que o tecido produtivo amosou co Fondo Lugo Transforma para captar empresas”

O Fondo Inversor Municipal Lugo Transforma, de 12 millóns de euros, mobilizado pola alcaldesa, Lara Méndez, co fin de captar investimentos para a cidade, atraer novas empresas e crear emprego sostible, está xa operativo unha vez que quedou constituído e inscrito na Comisión Nacional do Mercado de Valores.

"Unha estratexia que activamos tras a pandemia e que agora se ve máis necesaria que nunca coa actual crise", sostivo a rexedora.

A propia Lara Méndez comunicoullo esta mesma mañá ás empresas lucenses que apoian a iniciativa municipal, pioneira en Galicia, e coas que mantivo unha reunión a primeira hora da xornada.

Lence, Norvento Enerxía, Torre Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso e Dmanánuníronse, xunto a Torsa, ao fondo de capital risco do Concello achegando un millón de euros, polo que a Estratexia Lugo Transforma comeza a operar con 13 millóns €.

“Esta importantísima aposta público privada, na que as empresas máis potentes e recoñecidas de Lugo se unen ás e aos lucenses para converternos en accionistas de proxectos innovadores, dándolles o respaldo necesario para instalarse no municipio e crear emprego, fará máis forte á cidade e nos permite albiscar un futuro enriquecedor”, comentou a alcaldesa ao tempo que quixo agradecer a confianza dos empresarios.

Acompañada dos responsables do Fondo Xestor, Torsa Capital, a rexedora anunciou que o vindeiro día 27 deste mes se reunirá a primeira Comisión de Investimentos, onde estarán presentes tamén as empresas comprometidas co Fondo, e na que se analizarán catro dos 35 proxectos que xa se presentaron á estratexia lucense e cuxa viabilidade está a ser analizada pola xestora.

Unha Comisión na que os impulsores dos proxectos terán a ocasión, tamén, de presentalos persoalmente. Non será a única que se celebre, senón que durante o vindeiro semestre, se prevén novas convocatorias para darlle resposta a todas as iniciativas que depositaron a súa confianza no apoio do Fondo para o seu lanzamento.

Execución do organigrama da Estratexia

A rexedora lembrou que o organigrama que está a seguir a Estratexia se pode dividir en tres fases:

  1. Constitución do Fondo e inscrición no Rexistro da Comisión Nacional de Valores: xa rematada.
  2. Investimento nos proxectos e a súa consolidación. En prazo até decembro de 2025, cando xa non se poderán realizar desembolsos a empresas destinatarias finais.
  3. Devolución, por parte das empresas participadas, do capital municipal investido.

“Logo de superar a primeira parte do proceso e de oficializar a constitución do Fondo, atopámonos agora nun momento crucial de atraer ao sector privado para que colabore coa Administración local. Unha proposta que tivo unha gran aceptación porque, como puidemos comprobar esta mesma mañá, as principais empresas de Lugo deron o seu consentimento xa dende o primeiro momento”.

A rexedora recordou que, en prol de promover a maior diversificación da carteira do Fondo, a entrada de capital en cada proxecto non poderá superar en ningún caso o 10% do patrimonio do mesmo, as empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio.

A estratexia segmentarase, á súa vez, en tres apartados. Un dedicado a empresas en fase de creación, denominado capital semente; outra parte do Fondo será para compañías que se atopan en etapas iniciais pero xa operativas no mercado e unha terceira parte irá dirixido a negocios cun nivel de consolidación significativo, pero que se atopan ante unha oportunidade importante de crecemento, o que se denomina capital expansión, de maneira que a estratexia alcanzará todas as etapas empresariais.

“A previsión é que o Fondo aterre sobre aproximadamente 50 empresas de Lugo e, extrapolando resultados de experiencias similares, se agarda que produza unha creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros neste tempo”, referiu Lara Méndez.

A alcaldesa incidiu, así mesmo, na importancia que ten para o Goberno local que se garanta a execución do contrato segundo criterios de transparencia, formalidade e consistencia. “Por iso, Torsa Capital reportará un informe trimestral de todas as operacións, e estará obrigada a crear dous comités co fin de garantir o bo funcionamento do Fondo e dos obxectivos perseguidos”, sinalou.

Será o antes mencionado Comité de Investimento, no que o Concello de Lugo ten presenza en calidade de observador e no que se analizarán as políticas de investimento e desinvestimento e se aprobarán ou denegarán os proxectos onde entrar co capital, alén de realizar un seguimento das operacións desenvolvidas.

E o Comité de Seguimento e Control, no que tamén terá presenza a Institución, que actuará como presidenta, e ao que poderán pertencer os partícipes do Fondo que o soliciten, sempre que teñan 4 compromisos de investimento iguais ou superiores ao 10% do patrimonio total comprometido en cada momento.

“A nosa prioridade é que os proxectos nos que se traballe estean relacionados, entre outros, coas enerxías limpas, a tecnoloxía, biotecnoloxía, farmacia, servizos avanzados á industria, biocombustibles, produción agroalimentaria sostible, loxística intelixente e do ámbito aeronáutico e espacial; é dicir, sectores que xeren, preferentemente, un alto impacto social e ambiental”, apuntou Lara Méndez.

“A meta é crear riqueza e tamén postos de traballo con vistas á recuperación económica de Lugo nesta etapa post-covid e, nada mellor que facelo dotándonos dunha ferramenta propia, moi poderosa, que diversificará o tecido produtivo local e servirá de impulso aos nosos sectores estratéxicos, aqueles que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que estamos construíndo e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para as nosas fillas e fillos”, concluíu a alcaldesa.

Por parte da Administración, o servizo de intermediación financeira terá un custo máximo para as arcas locais de 2,4 millóns de euros. Cantidade que o Concello irá abonando de xeito trimestral, previo informe da xestora e da fiscalización que realice a Intervención Xeral.

Logo do almorzo celebrado hoxe, a mandataria local participou tamén este mediodía, en Compostela no xantar organizado polo Club Financeiro de Santiago onde Méndez presentou ao empresariado galego esta Estratexia para seguir sumando apoios á mesma.

Noticias relacionadas