Lara Méndez aposta no congreso de UGT por políticas sociais e expansivas para crear riqueza e empregos dignos

Sábado, 12 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez aposta no congreso de UGT por políticas sociais e expansivas para crear riqueza e empregos dignos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou onte e hoxe no congreso da Federación de Servizos Públicos de UGT , que elixiu o seu novo secretario xeral, Eliseo Rivas.

A rexedora destacou á necesidade de apostar neste tempo de pandemia “por políticas sociais, expansivas e responsables”, que axuden a dinamizar a economía e a crear riqueza co obxectivo de manter os empregos “xa que ter un traballo digno é a mellor garantía que temos ás persoas para combater a crise social”.

Neste senso, lembrou a responsabilidade que teñen as administracións para ser impulsoras e liderar a recuperación, e puxo como exemplo as actuacións que puxo en marcha o Concello de Lugo tras o Estado de Alarma, que cambiou a súa folla de ruta co obxecto de conter a pandemia, coidar aos colectivos máis vulnerables e soster o emprego. “Por lembrar algunhas das iniciativas, non só puxemos en marcha o Plan Reanima, con 5 millóns de euros en axudas directas, senón que tamén aceleramos o pago das facturas ás empresas en tempo récord para que puidesen facer fronte aos gastos e fomos o primeiro concello que activou mecanismos para manter todos os contratos coas empresas provedoras dos servizos públicos do Concello, co que evitamos ERTES e mantivemos o emprego protexendo a 700 familias”. Ademais, agradeceu o papel dos empregados públicos nese momento, que se adaptaron ao teletraballo e que se implicaron en todas as medidas que se adoptaron desde o Goberno local.

A rexedora incidiu en que “temos a obriga de xerar confianza e esperanza na cidadanía, e para iso estamos a traballar coa estratexia Lugo Transforma, de 12 millóns, para atraer investimentos, empresas e crear emprego”.

Lara Méndez destacou a especial importancia do papel que xogan os sindicatos, así como a aposta da UGT polas políticas progresistas. “Os sindicatos son fundamentais para pelexar polo dereitos dos empregados, polo dereitos adquiridos, polos que se foron perdendo e pouco a pouco recuperando, e tamén para fixar novos obxectivos”, comentou.

Noticias relacionadas