Lara Méndez activa Lugo Job, un ambicioso plan de formación con máis de 1.000 cursos online e presenciais para lucenses

Esta iniciativa enmárcase na estratexia de dinamización e reactivación económica do municipio posta en marcha pola rexedora, como resposta á crise da pandemia.

Lara Méndez: “Cos novos escenarios económicos, os sectores precisan contar con persoal cualificado e con formación específica en diferentes ámbitos como o dixital”.

Os cursos son adaptados a conciliación laboral e permitirán obter o Certificado de Profesionalidade de Nivel 2, e formarse en competencias clave para a obtención deste certificado.

Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e Confección e publicación de páxinas web son dúas das accións formativas que se desenvolven dentro desta programación.

Os cursos online estarán abertos a toda a cidadanía, a través da plataforma de e-learning www.lugojob.es As inscricións abrirán mañá, a partir das 10:00 horas.

Martes, 14 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez activa Lugo Job, un ambicioso plan de formación con máis de 1.000 cursos online e presenciais para lucenses

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, presentou este martes as accións do novo plan de formación deseñado polo executivo municipal, co obxectivo de axudar a mellorar a empregabilidade dos e das lucenses e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias clave, coñecementos e capacitación.

Esta iniciativa enmárcase na estratexia de dinamización e reactivación económica do municipio posta en marcha pola rexedora, como resposta á crise provocada pola pandemia. Neste senso, o executivo municipal está activar, así mesmo, a maior inversión na historia do Concello, 12 millóns de euros, a través do fondo de capital risco Lugo Transforma, unha iniciativa pioneira en Galicia, para a captación de novas empresas ligadas á innovación e o desenvolvemento sostible do territorio.

“A finalidade deste fondo é diversificar os sectores produtivos da cidade para paliar a forte dependencia do sector terciario e este proceso leva implícita, ademais, novos escenarios económicos nos que precisamos contar con persoal cualificado e con formación específica en diferentes ámbitos como o dixital. Motivo polo cal, vencellado á estratexia Lugo Transforma, lanzamos este novo plan de formación”, explicou Lara Méndez.

A programación contempla dous grandes bloques: formación presencial no Centro de Innovación e Empresas (CEI-Nodus) do Concello; e formación online a través dunha nova plataforma de e-learning, denominada Lugo Job.

“Polo que se refire á formación presencial, ofertaranse un total de 8 cursos e 120 prazas, con un máximo de 15 participantes por curso. Estará dirixida, exclusivamente, a persoas inscritas como demandantes de emprego. A selección dos participantes realízase a través do SEPEG”, subliñou a alcaldesa.

Unha vez recibida a listaxe de persoas candidatas para cada unha das accións formativas, enviada polo Servicio Público de Emprego, e previa comprobación do cumprimento dos requisitos para participar na formación, realizarase unha entrevista, que poderá ser persoal, ou curricular por escrito e que será realizada por persoal técnico adscrito para o desenvolvemento das accións formativas.

As persoas seleccionadas para realizar os cursos presenciais recibirán unha bolsa formativa mensual, que se corresponde co 75% do IPREM (423,68€ ao mes).

Os cursos ofertados dentro deste bloque divídense en dúas liñas formativas:

  • LIÑA 1. Obtención do certificado de profesionalidade de Nivel 2. Este certificado ten carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, sendo expedido pola Consellería de Emprego e Igualdade. Dentro desta liña, puxéronse en marcha xa dous cursos: Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais; e Confección e Publicación de Páxinas Web. Ambos deron comezo a finais do mes de novembro e rematarán entre os meses de maio e xuño.
  • LIÑA 2. Formación en Competencias Clave de Nivel 2. As competencias clave N-2 son o requisito de acceso aos Certificados de profesionalidade de nivel 2 para aquelas persoas que non teñan a titulación requirida (título de Graduado en ESO ou proba de acceso a Ciclos Formativos de Grao Medio). Dentro desta liña ofreceranse tres cursos: Competencia Matemática, Lingua Castelá e Lingua Galega, que contarán con dúas edicións. Actualmente xa está en marcha a primeira edición do curso de Comunicación en lingua castelá, e a finais de xaneiro comezará a formación en Galego e Matemáticas; mentres que as segundas edicións desenvolveranse entre os meses de marzo e xuño de 2022.

Lara Méndez explicou que “a formación presencial está adaptada ao horario e curso escolar, pois as sesións teñen lugar de 9:15 a 13:15 horas, e durante as datas nas que non hai clases nos centros educativos, como por exemplo Nadal, Semana Santa, Entroido, etc., tampouco se impartirá formación, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar dos e das participantes”.

Plataforma e-learning

Con respecto á plataforma de e-learning, á que se poderá acceder a través da páxina web www.lugojob.es, esta estará aberta ao conxunto da cidadanía, de forma totalmente gratuíta. “A través desta ferramenta poñemos en marcha unha amplísima oferta formativa, que se irá actualizando mensualmente, ofertando ao longo de doce meses un total de 1.000 cursos relacionados con todas as familias profesionais e as competencias máis demandadas hoxe en día no mercado laboral”, explicou a rexedora.

Entre outros, estarán dispoñibles cursos relacionados con: informática e comunicacións; comercio e marketing; imaxe persoal, seguridade e medio ambiente; prevención de riscos laborais; idiomas; sanidade; hostalería e turismo; administración e xestión; sector agrario; artes gráficas; etcétera.

A plataforma abrirá mañá, mércores, ás 10:00 horas, o prazo de inscricións para os diferentes cursos. Neste mes de decembro a oferta contempla un total de 200 accións formativas. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo de 90.

Unha vez inscritos, os cursos realizaranse a través dun campus  online, unha plataforma dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil.

Ademais, cada unha das accións, incluídas na oferta formativa da plataforma virtual, estará titorizada por persoal docente cualificado na materia a impartir. As persoas que completen satisfactoriamente a formación online, recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo.

“Esta iniciativa supón, así mesmo, unha nova mostra do compromiso do executivo municipal polas políticas activas de emprego, nun momento especialmente delicado pola situación que nos tocou vivir nos últimos meses”, concluíu a rexedora.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación do Lugo Job | Descargar mp3

Noticias relacionadas