Igualdade pon en marcha, un ano máis, a campaña que fomenta no Nadal os xogos e xoguetes non sexistas

Martes, 27 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Igualdade pon en marcha, un ano máis, a campaña que fomenta no Nadal os xogos e xoguetes non sexistas

O Executivo de Lara Méndez, a través da Concellería de Muller e Igualdade que dirixe Silvia Alonso, pon en marcha, un Nadal máis, a súa campaña para fomentar os xogos e xoguetes non sexistas. Tal e como explicou a Concelleira, a finalidade desta campaña é concienciar á veciñanza e promover a igualdade de oportunidades dende idades temperás para que as nenas e nenos poidan decidir sobre os xogos e xoguetes que máis lles gustan sen que a súa elección teña connotacións de xénero.

Baixo o lema "No Nadal xogamos pola Igualdade", a campaña apela á responsabilidade das familias á hora de escoller os regalos para os máis pequenos e pequenas da casa. Nela, recóllense diversas indicacións para elixir os mellores xoguetes, como por exemplo que sexan seguros e acordes á idade, libres de prexuízos sexistas, que desenvolvan todo tipo de habilidades, que propicien o xogoo cooperativo ou que desenvolvan a creativiadade, entre outras. Paralelamente, a campaña serve para difundir a guía Xogamos pola Igualdade, que editou a Casa da Muller do Concello de Lugo, dispoñible  na páxina web municipal https://concellodelugo.gal/sites/default/files/guia_xogamos_igualdade.pdf

A Concellería está levando a cabo accións de sensibilización na rúa e tamén entregou material da campaña nos colexios do municipio e nos programas municipais Aulas Abertas e Aprende Xogando.

Noticias relacionadas