O edil de Educación explicou que o servizo municipal de comedores escolares está a atender completamente a demanda das familias os 5 días da semana en 8 centros
“O único centro que ten lista de agarda é o CEIP Anexa, emprazado nas instalacións da USC”, explicou Felipe Rivas

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, deu conta do funcionamento do servizo de comedores escolares no presente curso. Felipe Rivas indicou que “malia as reducións de cabida producidas polos protocolos de prevención da COVID-19, oito dos nove comedores escolares xestionados pola Concellería de Educación están a atender completamente a demanda das familias os 5 días da semana”, e engadiu “o único centro con lista de agarda é o CEIP Anexa, emprazado nas instalacións da USC”.
O edil de Educación ofreceu a colaboración da concellería á Xunta de Galiza para buscar solucións para ofertar un maior número de prazas nos comedores escolares. Segundo Felipe Rivas, “as competencias en educación son da Xunta de Galiza, que é quen nos ten que proporcionar un protocolo que nos permita aumentar a cabida mais que manteña a seguridade ou unha ubicación alternativa para ofertar o servizo”. “Desde a concellería de Educación ofrecemos colaboración á Xunta porque ambas administracións nos atopamos con este problema co inicio de curso”, declarou o edil de Educación.
Felipe Rivas puxo en valor o traballo do persoal da concellería de Educación e a colaboración das equipas directivas dos centros escolares de cara a este inicio de curso. “Este ano aumentamos o servizo de madrugadoras e madrugadores a todos os centros públicos de Lugo, un servizo necesario para moitas familias debido ás súas xornadas laborais”, sentenciou o concelleiro.