Deportes colabora co XV Criterium Aeronáutico, unha cita que supón un importante revulsivo económico na cidade

Xoves, 14 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Deportes colabora co XV Criterium Aeronáutico, unha cita que supón un importante revulsivo económico na cidade

O concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, asistiu este xoves, á presentación do XV Criterium Aeronáutico, que organiza o Real Aeroclub de Lugo, terá lugar do 21 ao 25 de xullo no aeródromo de Rozas, e coincide, un ano máis, coa Volta Aérea a Galicia.

O edil puxo en valor “o esforzo do Real Aeroclub por sacar adiante esta cita, coa que colaboramos un ano máis desde o Concello, un evento que pola variedade e calidade das actividades que ofrece, supón un importante revulsivo económico, xa que reunirá a miles de persoas, entre pilotos e afeccionados, e sen dúbida dinamizará a economía local e provincial” ao tempo que convidou á cidadanía a achegarse ao Criterium e gozar en familia desta alternativa lúdica deportiva.

O acto tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e no mesmo tamén participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira; o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiiro, e o xefe do servizo autonómico de Deportes en Lugo, Manuel Otero.

A XV edición do Criterium Aeronáutico conta cunha ampla programación de actividades dirixidas a todas as idades. Haberá avións acrobáticos, saltos en paracaídas, exposicións de drons, exhibicións e demostracións de pilotos profesionais. As persoas interesadas en participar nas actividades poden inscribirse ou solicitar máis información no correo criteriumaeronautico@gmail.com ou no teléfono 982.310.114.

Noticias relacionadas