A compañía belga Okidok achega a Lugo o espectáculo Slips, que se representará este domingo ás 18:30
Slips gañou o Premio do Xurado no Milano Clown Festival de 2009

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou que a área de Cultura vén de ampliar a programación teatral do Auditorio Municipal Gustavo Freire. A programación cultural viuse ampliada para dar opcións de ocio a toda a veciñanza de Lugo, facendo un especial esforzo pola programación para público familiar. “A obra que presentamos hoxe é un exemplo do incremento da programación coa que queremos encher de público e actividades unha instalación como o auditorio Gustavo Freire”, explicou Maite Ferreiro.
A área de Cultura está a traballar nunha programación continua nos espazos que xestiona, achegando propostas de calidade con recoñecementos a nivel galego, estatal e internacional. “Estamos a conseguir que o público volte ao teatro, ao achegar unha programación periódica e continuada no tempo”, afirmou a edil de Cultura.
A compañía belga Okidok traerá a lugo o espectáculo para público familiar Slips, o vindeiro domingo ás 18:30. Okidok deuse a coñecer internacionalmente co seu debut, Ha ha ha, representado máis de 500 veces arredor do mundo. Trátase dun dos grupos máis sorprendentes e creativos do clown europeo actual, cuxas creacións pasaron por infinidade de programas de televisión, festivais e teatros de europa.
Sinopse
Pierrot e Marcel teñen corpos de fantasía, corpos de estrelas. Musculosos, elegantes, hábiles, multifacéticos e moi conscientes de tódalas súas incribles cualidades, lánzanse nunha gran demostración dos seus talentos. E Deus sabe que teñen moitos! Talento en estado puro, o mellor da acrobacia, a esencia do mimo, a beleza da danza; resumindo, a poesía bruta dos anos gloriosos do music-hall. Unha hora de risas, sen palabras e sen parada. Un dos espectáculos máis divertidos dos últimos anos, co que están xirando por medio mundo.
- Duración: 65 minutos.
- Idade recomendada: a partir de 8 anos.
- Recoñecementos:
- Premio do Xurado no Milano Clown Festival de 2009.
- As entradas están xa dispoñibles no portal entradaslugo.es, a un prezo único de 3€.
Audio
- Maite Ferreio, sobre a programación cultural | Descargar mp3