Concellos de Lugo, Viveiro e Monforte e Deputación “pedalean xuntos” coa Volta 2016, que rematará o vindeiro mércores na Porta de San Fernando

Lara Méndez, José Tomé, Isabel Rodríguez, Darío Campos, Javier Guillén e Juan Carlos Muñiz, xunto a representantes de asociacións e clubs deste deporte, presentaron as dúas etapas que discorren pola provincia a vindeira semana

“370 millóns de espectadores poderán ver o noso patrimonio e observar a nosa riqueza, 370 millóns de persoas que se converterán en potenciais visitantes de Lugo grazas á cobertura deste evento, retransmitido en 190 países”, subliñou Méndez

En Lugo, a Volta transcorrerá por 16 quilómetros, un recorrido que ofrecerá a mellor das vistas da cidade, dende as súas zonas verdes, ao carón dos ríos Miño e Rato, aos tres Patrimonios da Humanidade, e todo isto dende un palco vip, a Muralla

Mércores, 17 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concellos de Lugo, Viveiro e Monforte e Deputación “pedalean xuntos” coa Volta 2016, que rematará o vindeiro mércores na Porta de San Fernando

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé; a Tenente Alcalde de Viveiro, Isabel Rodríguez; o Presidente da Deputación, Darío Campos; o Director Xeral da Volta 2016, Javier Guillén, e o Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presentaron este mércores as dúas etapas de dita proba ciclista que discorren pola provincia lucense. Trátase da etapa 5, que terá lugar o mércores 24 de agosto dende Viveiro e ata a cidade de Lugo; e a 6, que será o xoves 25 de agosto dende Monforte de Lemos e ata Luintra. No acto tamén participaron o ciclista profesional Roberto Laiseka, gañador de varias etapas da Volta e do Tour, así como representantes de asociacións e clubs de ciclismo da provincia, que realizaron xunto a Lara Méndez e Darío Campos, ademais dos responsables dos departamentos de Deportes no Concello e na Deputación, Miguel Fernández e Pablo Rivera, respectivamente, un pequeno e simbólico recorrido en bicicleta dende a Praza Maior ata San Marcos.

Durante o acto, a Alcaldesa sostivo a gran proxección para a cidade que supón ser meta dunha etapa da Volta Ciclista, “pois 370 millóns de espectadores –datos oficiais facilitados pola propia organización da Volta- poderán ver o noso patrimonio e observar a nosa riqueza, 370 millóns de persoas que se converterán en potenciais visitantes de Lugo grazas á cobertura deste evento, retransmitido nuns 190 países de todo o mundo”. Neste senso, a Alcaldesa lembrou que a Volta transcorrerá por 16 quilómetros do municipio, un recorrido que ofrecerá a mellor das vistas da cidade, dende as súas zonas verdes, ao carón dos ríos Miño e Rato, aos tres Patrimonios da Humanidade, e todo isto dende un palco vip, a Muralla de Lugo, ata onde convidou a todos os veciños e visitantes a achegarse o vindeiro mércores. Deste xeito, o pelotón ciclista entrará na cidade pola N-640, dirección Ourense. Continuará pola Ronda Norte ata a Praza Ramón Falcón, para seguir pola rotonda da Medusa e incorporarse á N-VI ata Tolda de Castela, onde tomará a estrada do Rato e sairán por San Eufrasio ata a Praza Conde Fontao, para subir pola rúa Castelao ata a Ronda, en sentido inverso á circulación. Pasarán pola Praza da Constitución, as rúas Anxo López Pérez e Vilalba, e de novo pola Ronda. O arco da meta estará situado en San Fernando.

A rexedora tamén subliñou o apoio do Concello co deporte, de aí a colaboración coa Volta Junior, que convocará a 120 escolares de 10 colexios públicos da cidade o mesmo día 24 de agosto, que recorrerán o último quilómetro da etapa, entre a rúa Vilalba e a confluencia da Ronda coa Avenida da Coruña. A entidade local aproveita a transcendencia da Volta para infundir nos máis cativos a práctica deportiva e a afección ao ciclismo.

Para rematar, Méndez agradeceu tanto a aposta da Deputación pola Volta Ciclista, como a oportunidade que Unipublic lle ofreceu a Lugo de formar parte deste evento ciclista e de situar a cidade e a provincia no mapa internacional, así como a todos os ciclistas que fan posible que a Volta sexa unha realidade.

Pola súa banda, o titular provincial destacou que “xuntos pedaleamos pola provincia”, pois Deputación, Concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Viveiro contribúen ao paso da Volta 2016 pola provincia con preto de 250.000 euros, coa previsión dun grande retorno económico para o conxunto da provincia. Hai que ter en conta que, segundo datos oficias, uns 1.400 xornalistas de todo o mundo cobren esta proba ciclista, acadando un promedio por etapa de 20.000 espectadores. Só nos lugares de chegada, como nesta ocasión é o caso do Concello de Lugo, é capaz de concentrar a unhas 4.000 persoas e deixar beneficios de ata 1 millón de euros.

Isabel Rodríguez quixo agradecer aos organizadores de La Vuelta e á Deputación de Lugo “que volveran a apostar por Viveiro para acoller por segunda vez unha etapa da volta ciclista, pois somos conscientes da importancia que ten este evento para o noso Concello, sobre todo de cara a promover o turismo e incentivar a economía da zona”.

José Tomé uniuse aos agradecementos e sinalou que “Monforte vai a ter o pracer de acoller a saída da sexta etapa o día 25 de agosto, e farao nun lugar emblemático como é a explanada da Compañía, diante do Escorial galego. Para nós é unha oportunidade de proxectar o noso Concello, pero sobre todo a comarca da Ribeira Sacra, dinamizando a súa cultura e o seu paisaxe”.

21 Concellos lucenses
“Co noso apoio ao paso da Volta por Lugo non só estamos a apoiar ao ciclismo, un deporte merecedor dun grande recoñecemento tan só polo esforzo e paixón que demostran ter os seus profesionais e afeccionados. A Volta vai moito máis alá da súa indubidable repercusión deportiva, reunindo a elite internacional do ciclismo. Os datos oficiais falan por si mesmos: o paso da Volta pola provincia de Lugo é unha oportunidade económica, que non podíamos deixar escapar. Por iso, Deputación e Concellos de Lugo, Viveiro e Monforte de Lemos, que son enclaves de referencia da Volta 2016, non dubidamos en sumar esforzos cos organizadores desta proba ciclista. Xuntos promocionamos, moito máis aló das nosas fronteiras, os recursos naturais, patrimoniais, históricos, artísticos ou gastronómicos, dun total de 21 Concellos polos que atravesa a Volta: 9 da Mariña; 6 da zona Centro e outros 6 do Sur”, remarcou o Presidente da Deputación.

3.000 persoas pernoitando en Lugo
O Director Xeral da Volta 2016, Javier Guillén sinalou que “hoxe empeza a Volta a España coa concentración dos 22 equipos que participan. Entre corredores e membros dos equipos serán máis de 500 persoas que, sumadas ás máis de 2.500 que leva a organización, farán un total de 3.000 persoas que durante dúas noites pernoitarán na provincia de Lugo. Entre eses corredores virán os mellores do mundo, como o vixente campión do Tour de Francia, Chris Froome; Nairo Quintana; Alberto Contador ou Alejandro Valverde, entre outros”.

Etapas 5 e 6 pola provincia
A etapa 5 da Volta 2016 terá lugar o 24 de agosto. Saíra de Viveiro e transcorrerá por Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, Castro de Rei e Lugo. A etapa 6 será o 25 de agosto. Partirá dende Monforte de Lemos e discorrerá pola Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Bóveda e Sober.

Pulo ao conxunto do tecido produtivo da provincia
“Xuntos poñemos en valor a beleza natural da nosa Costa; das nosas praias; da Ribeira Sacra; ou das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e  de Eo-Oscos-Terras de Burón, recoñecidas pola UNESCO. Os milleiros de persoas que acudirán a nosa provincia coa Volta poderán desfrutar dos nosos produtos do mar, do río e da terra, únicos pola súa calidade, como o bonito de Burela, a merluza de Viveiro, os percebes de Rinlo, as troitas da Pontenova, a carne das nosas ganderías ou o viño coa nosa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra”.

Campos Conde engadiu que “tamén poderán descubrir enclaves únicos como, por exemplo, o Souto da Retorta, en Viveiro; o Cabo de Morás, en Xove; o Paseo dos Namorados, o Museo do Mar ou a Fábrica de Sargadelos, en Cervo; o Paseo da Marosa, as Redeiras, o Mirador do Castelo ou a Lonxa, en Burela; a Gruta do Morto, a Frouxeira ou a Ruta do Río Ouro, en Foz; as Fragas do Hermo, en Barreiros; a Illa Pancha, as cetáreas de Rinlo ou a xoia das Catedrais, en Ribadeo; a ría de Abres ou o Marco de Pena Verde, en Trabada; Os Fornos ou a Vía Verde do Eo, na Pontenova; os ferreiros de Ferreiravella, en Riotorto; Fonmiña, na Pastoriza; O Pedregal de Irima, en Meira; a emblemática carballeira da festa do Emigrante, en Pol; a lagoa de Caque ou os Castro de Viladonga, en Castro de Rei; a Muralla ou os paseos dos ríos Rato e Miño, en Lugo; o paseo do Cabe, o Pazo de Tor ou os Miradores do Sil, en Monforte de Lemos; a Pena dos Catro Cabaleiros ou a Ponte Romana de Barxa de Lor, na Pobra do Brollón; o Camiño de Inverno ou Montefurado, en Quiroga; o embalse de Santo Estevo, en Ribas de Sil; o Burato do Mouro, en Bóveda; os Canóns do Sil, as viñas de Amandi ou os Miradores de Chouzá, en Sober...”

“En definitiva, un sen fin de recursos, que fan de Lugo unha provincia única, con moito que descubrir. A promoción de todos eles contribúe ao impulso do conxunto do tecido produtivo da nosa provincia. Polo tanto, estou convencido que, co noso apoio conxunto ao paso da Volta por Lugo, estamos a pedalear polo futuro da nosa provincia”, apuntou.

Multimedia

  • Concellos de Lugo, Viveiro e Monforte e Deputación “pedalean xuntos” coa Volta 2016, que rematará o vindeiro mércores na Porta de San Fernando

Noticias relacionadas