Concello de Lugo, Deputación e Subdelegación do Goberno reivindican unidas a eliminación da violencia contra a muller

Con motivo do 25-N, organizan mañá un acto conxunto no que se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista e procederase a ler un manifesto

O Concello de Lugo, ademais, inaugura pola tarde o I Festival Cinema Mulleres (FILMU), que nace con vocación de continuidade no tempo

Martes, 24 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a Subdelegación do Goberno e a Deputación de Lugo reivindicarán mañá nun acto conxunto o fin das violencias machistas. Ante as restricións derivadas da pandemia, as tres administracións, debido a importancia de manter o carácter reivindicativo do 25 N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, realizarán un acto unitario que se desenvolverá a partir das 12.00 horas na Praza de Santo Domingo, fronte á Arbore da Vida

Durante o mesmo, gardarase un minuto de silencio e homenaxearase ás vítimas da violencia machista cunha ofrenda floral e unha solta de globos en recordo das mulleres asasinadas este ano en España. Tamén se efectuará a lectura dun manifesto.

Por outra banda, dende a concellaría de Igualdade, a cargo da concelleira Ana González Abelleira, poñeranse en marcha unha serie de accións englobadas en torno ao concepto “Invisibles”. Cada ano esta iniciativa está dedicada a mulleres que foron ou son invisibilizadas, como unha forma de dar luz, de dar a coñecer e de recuperar a súa historia ensombrecida e, demasiadas veces, eliminada, cunha programación que pretende visualizar que a igualdade aínda ten que abrirse camiño e gañar loitas e espazos.

A primeira edición, que foi en 2019, estivo dedicada a Rosa García Ascot, brillante pianista e compositora, que formou parte do Grupo dos Oito, o equivalente musical da Xeración do 27, cuxa historia se perde mentres pervive a dos seus compañeiros músicos.

Este ano, a segunda edición, homenaxeará ás mulleres cineastas que, coas súas visións distintas e coa súa mirada única, son capaces de abrirnos novos mundos. Ademais, porase de manifesto a situación discriminatoria das mulleres nun eido no que, maioritariamente, a cara visible é a dos homes.

Entre as actividades que inclúe a iniciativa “Invisibles”, encóntrase a 1ª edición do Festival Cinema Mulleres (FILMU), que se inaugurará mañá ás 19:30 horas no Codex Cinema. Posteriormente, ás 20:00 horas, en directo dende a canle de Youtube de FILMU, presentarase un decálogo sobre como combater o sexismo no audiovisual, elaborado polas responsables de CIMA EDUACIÓN, a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais.

Noticias relacionadas