Benestar impulsa a participación da terceira idade na formación universitaria a través do ciclo ‘Destacando na Ciencia’

Os relatorios, que comezaban esta mañá, completan as propostas municipais coas que o Executivo de Lara Méndez pretende achegar unha atención integral ao colectivo.

Venres, 04 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar impulsa a participación da terceira idade na formación universitaria a través do ciclo ‘Destacando na Ciencia’

Fomentar a inquietude por seguir aprendendo e por formarse en materias de interese e cultura xeral a calquera idade.

Ese foi o propósito co que o Executivo de Lara Méndez impulsou, dende a área de Benestar Social, a organización do ciclo ‘Destacando na Ciencia’. Unha actividade que se desenvolve ao abeiro do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, da USC e que hoxe comezou co relatorio Mulleres e Ciencia de Xoana Pintos Barral.

A edil Olga López Racamonde destacou non só o prestixio dos poñentes que colaborarán nas próximas conferencias – o doutor Carlos Juanatey e o historiador Ramón Villares – senón tamén a diversidade de temas que se abordarán nas mesmas e que gardan relación coa investigación sanitaria ou coa transición española.

“Dende a concellería de Benestar quixemos colaborar financiando a celebración destas xornadas divulgativas como parte do programa de atención integral que dende o Concello de Lugo dispensamos á terceira idade. De xeito que pretendemos, así, complementar actividades máis lúdicas, coas que tamén favorecemos hábitos de vida saudables, como poden ser o exercicio grupal, as excursións ou as andainas, con outro tipo de propostas que incentiven a curiosidade e que propicien a implicación das persoas maiores en sectores como o universitario, en tanto lles posibilita ampliar os seus coñecementos e isto lles supón unha motivación para continuar activos física e socialmente”, indicou López Racamonde.

O Ciclo, que comezaba esta mañá, terá continuidade os vindeiros venres, 1 de abril, coa charla de Carlos González Juanatey sobre A investigación cardiovascular no servizo de cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti, e o 4 de maio, coa do historiador Ramón Villares Paz sobre o Exilio republicano e transición á democracia.

As conferencias terán lugar no salón de actos da Casa do Saber e as persoas interesadas en participar poden informarse ou inscribirse na secretaría do Programa Universitario de Maiores da USC.

Noticias relacionadas