A área de Urbanismo e o COAG sincronizarán as súas plataformas dixitais para unificar procedementos e acurtar os prazos de tramitación de licenzas

O edil Miguel Couto e a xefa de Licenzas matiñan hoxe un primeiro encontro técnico coa dirección do Colexio para poñer en contexto os operativos actuais de traballo

Venres, 08 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Urbanismo e o COAG sincronizarán as súas plataformas dixitais para unificar procedementos e acurtar os prazos de tramitación de licenzas

Os servizos de Licenzas e Arquitectura do Concello de Lugo e o COAG camiñarán da man proximamente para recortar os tempos de tramitación e axilizar a concesión deste tipo de permisos urbanísticos.

O edil desta área, Miguel Couto, acompañado de técnicos municipais, mantiña hoxe o primeiro de varios encontros cos dirixentes do Colexio de Arquitectos de Galicia para abordar o proceso que conleva este importante paso.

“A desta mañá foi unha xuntanza de carácter estritamente técnico. Unha primeira toma de contacto para poñer en contexto os procedementos que ámbolos dous organismos estamos a utilizar neste momento aínda que tamén aproveitamos para sentar as bases de integración das Plataformas electrónicas coas que estamos a traballar”, indicou o concelleiro.

“O obxectivo – abonda Miguel Couto – é o de mellorar o intercambio de información entre as dúas entidades para simplificar a burocracia, abreviar os procedementos e, consecuentemente, os prazos e igual que aforramos tempo, tamén deixar de malgastar papel”.

O concelleiro de Urbanismo Sostible explica que, “deste xeito, cando os sistemas se coordinen, toda vez que o proxecto dispón do visado correspondente, os técnicos municipais poderán descargalo dende a Plataforma do Colexio mediante un código de identificación que terá incorporado cada expediente, sen necesidade de que os interesados teñan que traelo físicamente ao Concello nin darlle entrada por Rexistro. Favorecemos así o seu manexo, diminuímos o número de xestións que asumen os administrados e posibilitamos unha comunicación más rápida que redundará, asemade, nunha maior eficiencia do labor municipal”, avanzou Miguel Couto que agarda que este novo mecanismo de funcionamento estea totalmente implantado a principios do 2020.

Audio

  • O edil Miguel Couto, sobre a axilización da tramitación | Descarga mp3

Noticias relacionadas