O Concello enviou un comunicado hoxe a Interparking avanzándolle que a entidade local quere realizar un estudo das prazas de ditos aparcadoiros, analizando a alternativa da conversión de prazas de tres a dúas
Lara Méndz asegurou que as tarifas non sufrirán modificacións, "xa que non tería sentido que unha boa medida fora asumida polo peto dos veciños e veciñas". Por iso, a solución máis práctica é asinar un convenio ampliando os dereitos de concesión
Para a rexedora, "a mobilidade é esencial para introducir Lugo no século XXI, non é so concienciación, tamén son medidas. E esta é unha delas, e a segunda dunha serie de iniciativas pensadas para pór ao peón como centro e protagonista da cidade, recuperando os espazos públicos para o seu uso público"
- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer este venres en rolda de prensa que as prazas dos tres aparcadoiros subterráneos públicos serán accesibles e cómodas para as persoas usuarias. Fíxoo na Praza de Ferrol, onde se atopa un destes aparcadoiros, xunto co de Santo Domingo e o da Praza da Constitución, unha concesión de 50 anos, iniciada en 1986, polo que para a rexedora, era necesario adecuar as instalacións á nova realidade e ao parque automobilístico do século XXI. Deste xeito, "conseguiremos incrementar o número de usuarios que se foron descolgando desta alternativa pública, por medo ás incomodidades que ocasionaba a escasa dimensión das prazas".
A rexedora anunciou ademais que hoxe o Concello enviou un comunicado de maneira oficial á Interparking, empresa concesionaria, avanzándolle que a entidade local quere realizar un estudo das prazas dos aparcadoiros para garantir a accesibilidade, analizando como alternativa a conversión de prazas de tres a dúas. A partir de aí, a concesionaria deberá presentar un estudo da aminoración de ingresos que suporá a redución de prazas, tendo en conta, iso si, que a demanda é posible que aumente cando á veciñanza luguesa se lle garanta a accesibilidade. A lei prevé nestas ocasións que se poidan revisar as condicións da concesión para que se manteña o equilibrio financeiro.
Así mesmo, a Alcaldesa asegurou que as tarifas non sufrirán modificacións, "xa que non tería sentido que unha boa medida fora asumida polo peto dos veciños e veciñas". Por iso a solución máis práctica e asinar un convenio ampliando os dereitos de concesión.
Esta nova iniciativa do Goberno responde ao modelo de mobilidade sustentable e sobre todo, amable co veciño, que busca a Alcaldesa, e que xorde ademais ante a petición da veciñanza. "A mobilidade é esencial para introducir Lugo no século XXI, non é so concienciación, tamén son medidas. E esta é unha delas, e a segunda dunha serie de iniciativas pensadas para pór ao peón como centro e protagonista da cidade, recuperando os espazos públicos para o seu uso público".
Lara Méndez agradeceu a Interparking a súa vontade de diálogo e as facilidades que puxeron para que Concello e concesionaria puideran chegar a un acordo, que previsiblemente para a primavera sexa unha nova realidade.