A Alcaldesa denuncia a desigualdade salarial entre homes e mulleres, que cobran 5.300 euros menos ao ano

“Non pode ser que por realizar o mesmo labor as mulleres cobren un 24% menos ao ano”, subliñou a rexedora, quen incidiu na importancia e no papel das administracións para loitar contra a desigualdade

Luns, 22 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa denuncia a desigualdade salarial entre homes e mulleres, que cobran 5.300 euros menos ao ano

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, denunciou este luns, coincidindo co Día Europeo da Igualdade Salarial, a diferenza que existe entre as retribucións que perciben as mulleres e os homes pola realización do mesmo traballo, unha diferenza que dende o inicio da crise se incrementou en 2,3 puntos, sendo a actual a maior dos últimos seis anos.

Méndez lembrou que as mulleres españolas cobran un 24% menos que os homes por desempeñar o mesmo posto de traballo, o que supón que para percibir a mesma retribución, unha muller tería que traballar 85 días máis ao ano ou nove anos máis que un compañeiro. Pero a fenda salaria é maior entre as asalariadas de máis de 60 anos, chegando incluso ao 40%, afectando a todos os sectores, pero maioritariamente ás actividades administrativas, cunha tasa do 33%.

“Non podemos consentir esta fenda salarial en pleno século XXI, é inaceptable”, subliñou a rexedora, ao tempo que reivindicou que “as mulleres deberíamos ter as mesmas opcións de acceder ao mercado laboral en igualdade de condicións”.

“Non pode ser que por realizar o mesmo labor as mulleres cobren case 5.300 euros menos ao ano”, subliñou a rexedora, quen tendo en conta estes datos, incidiu na importancia e no papel das administracións para loitar contra contra a desigualdade. Neste senso, e tendo en conta que España é o séptimo país de Europa con maior fenda salarial, Méndez fixo fincapé na necesidade dun goberno estatal progresista, que poña en marcha unha lei de igualdade salarial, para lograr unha igual remuneración por traballos equivalentes e avanzou o seu compromiso de traballar contra as causas da desigualdade no mercado laboral para conseguir unha sociedade máis xusta.

Noticias relacionadas