A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asiste á presentación do Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia

A rexedora puxo en valor o esforzo inversor do Goberno Central na modernización das infraestruturas ferroviarias da provincia pero sinalou que “a pesar dos avances evidenciados, seguiremos reclamando celeridade na mellora das nosas comunicacións”.

Alvarellos Fondo considera decepcionante que na votación da Eurocámara onde se decidiu que Lugo estea dentro da autoestrada de transporte ferroviario europeo o PP votara en contra.

Xoves, 16 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asiste á presentación do Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asistiu á presentación do Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia que se celebrou esta mañá na Coruña. No acto, o Ministro de Transportes e Movilidade Sostible, Óscar Puente, anunciou o adianto de fondos e a creación dun grupo de traballo coa patronal galega para facer seguimento da evolución das distintas actuacións que levan a cabo na nosa comunidade. “Recibimos con satisfacción a noticia de que o Ministerio decidise acelerar o investimento de 1.502 millóns de euros en actuacións incluídas na rede global da Rede Transeuropea de Transporte da que Lugo forma parte. Con todo, e a pesar dos avances evidenciados por este Goberno, seguiremos reclamando celeridade na mellora das nosas comunicacións, tanto ferroviarias como por estrada”, sinalou a rexedora lucense.

“Tras moitos anos de ostracismo debido á nefasta xestión realizada polos sucesivos gobernos do PP, Lugo atópese de novo na folla de roteiro do Goberno estatal en materia de infraestruturas ferroviarias. Este compromiso tradúcese en investimentos reais. É un feito constatado que na nosa cidade están a levarse a cabo importantes actuacións neste sentido, como demostra a construción da estación Intermodal ou a electrificación dos tramos Coruña-Lugo e Lugo-Ourense”, sinalou Alvarellos Fondo.

“Porén precisamos que continúen e se incrementen os investimentos e seguir avanzando na mellora da nosa conectividade, con maiores frecuencias, capacidade e velocidade e que o esforzo inversor do Estado se traduza tamén na minoración dos tempos previstos para incorporarnos ao Corredor Atlántico de Mercadorías, algo que sen dúbida será clave para a competitividade do noso municipio e do tecido produtivo local”, proseguiu a alcaldesa.  “Para lograr que os investimentos municipais no ámbito da diversificación industrial sexan verdadeiramente frutíferos, é necesario compasalos con estas tan necesarias melloras da rede de comunicacións”, apuntou.

A rexedora sinalou que “a mellora das conexións ferroviarias de Lugo co resto da península e Europa, tamén no ámbito das mercadorías, é unha reivindicación pola que o Goberno socialista de Lugo leva moito tempo traballando. Sen embargo, é decepcionante que na votación da Eurocámara onde se decidiu que Lugo estea dentro da autoestrada de transporte ferroviario europeo o PP votara en contra. Isto demostra que, cando Lugo necesita á dereita, esta sempre lle dá as costas”, concluíu a alcaldesa.

Noticias relacionadas