A alcaldesa comprométese a tramitar a restrición do uso residencial das parcelas para vivenda social de O Castiñeiro se así o pide a Xunta

Lara Méndez mantivo varios encontros coa veciñanza, o último tras inaugurar, onte, o novo centro social municipal do barrio, onde lle pediron axuda para frear a construción dos pisos.

Moi crítica coa falta de vivendas sociais, porque – pese a ter as competencias - a Xunta leva 15 anos sen construílas en Lugo, a rexedora comparte que o Castiñeiro está sobresaturado.

A mandataria informou que estes terreos, ao contrario do que dixo o PP, xa admiten usos dotacionais onde a Administración galega pode construír centros de día ou garderías.

Méndez informou, alén, de que o PSdeG levará ao Pleno de marzo unha moción instando ao Goberno galego a solicitar a modificación, pero reclamará igualmente que materialice a partida incluída nos orzamentos deste ano para a creación de vivenda pública na cidade.

Venres, 24 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa comprométese a tramitar a restrición do uso residencial das parcelas para vivenda social de O Castiñeiro se así o pide a Xunta

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo varios encontros nos últimos días coa veciñanza de O Castiñeiro que lle manifestou a súa preocupación polo bloque de vivendas sociais que a Xunta de Galicia ten en proceso de contratación, xa na última fase de adxudicación, para esa zona. Os residentes pedíronlle axuda á rexedora para poder frear esta acción xa que é un dos barrios de Lugo con máis vivendas de protección e consideran que está sobresaturado.

Méndez, moi crítica coa falta de vivenda social en Lugo, “xa que o Goberno galego, pese a ter as competencias, leva 15 anos sen construílas cando o rexistro de solicitantes é superior ás 1.350 persoas, (o que supón o 57% dos inscritos en toda a provincia) triplicando a cidades semellantes como Ourense”, sempre se amosou en contra de concentrar nun só barrio as vivendas, sendo partidaria de distribuílas por todo o termo municipal para unha maior integración.

Neste senso, a alcaldesa avanzou que o PsdeG levará ao vindeiro Pleno de marzo unha moción instando á Xunta de Galicia e ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a que soliciten - como propietarias das parcelas C e E da rúa Ramón Piñeiro - unha modificación puntual do PXOM ao Concello para restrinxir o uso residencial existente, mantendo o resto dos usos previstos para as mesmas no Plan Xeral.

Desta forma, a rexedora indicou tamén que, lonxe do que o PP lle dixo á veciñanza, as dúas parcelas admiten xa usos dotacionais, o que permitiría construír xa garderías, centros de día, entre outros moitos usos.

Nesa mesma moción, o Concello comprometerase a iniciar a modificación puntual en canto esta sexa solicitada, así como a estudar coa Xunta a perda de edificabilidade. “Pero debe ser a Administración titular dos terreos a que pida o cambio do Plan Xeral”, lembrou.

A Xunta, se ten interese como lle dixo o PP á veciñanza, xa podería paralizar hoxe mesmo a adxudicación do proxecto de vivendas sociais, adxudicación que, tristemente, comezou a tramitar sabendo que existía un malestar importante no barrio pola sobresaturación de VPO”, sostivo a rexedora, ao tempo que lembrou que, inicialmente, o Goberno galego anunciou que as vivendas se construirían en Garabolos, “e, lamentablemente, das ubicacións e dos cambios sucesivos, no Concello só nos enteramos polos medios de comunicación”.

Unha mágoa - unha vez máis - que a Xunta non manteña unha canle de comunicación co Concello para coñecer mellor as necesidades da cidadanía”, comentou.

Vivendas sociais, irrenunciables en Lugo

Lara Méndez explicou, así mesmo, á veciñanza que nesta moción que se presentará ao Pleno, “e que espero que apoien claramente o resto dos grupos políticos”, lle esixirá á Xunta de Galicia que cumpra co seu compromiso de materializar a partida incluída nos orzamentos deste ano para a construción da vivenda pública na cidade.

A rexedora lembrou que o último edificio construído pola Xunta de Galicia destinado a vivenda pública para axudar ás persoas con menos recursos levantouse na avenida Paulo Fabio Máximo no ano 2008, “cando gobernaba o bipartito”. Dende entón, incidiu, “os e as lucenses acumulamos 15 anos de espera, o que dá lugar a un aumento considerable de situacións de vulnerabilidade social e, así mesmo, a casos de ocupación en distintos barrios da cidade por persoas con escasos recursos”.

Noticias relacionadas